O Consello Directivo da AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega), e no seu nome o seu presidente, Cesáreo Sánchez Iglesias, fan chegar os seus afectuosos parabéns ao escritor Hixinio X. Puentes Novo, a quen a corporación do concello de Mañón, vén de nomear Cronista Oficial.
Hixinio Puentes, autor de numerosa obra de ficción e de investigación forma parte da longa nómina de colaboradores desta asociación, nomeadamente como relator na VI Xornada de Literatura de Tradición Oral, que tivo lugar en 2013 baixo o título xeral de Historias, mitos e monstros do mar de Galicia, coa intervención “Naufraxios literarios e reais”.
Hixinio X. Puentes Novo, natural do Porto do Barqueiro (1952), foi mestre e desenvolveu oficios diversos, mesmo foi mariñeiro nos buques mercantes. Investigador na historia do seu concello e de temas relacionados co mundo do mar, destacando neste eido os seus estudos sobre a costa norte de Galiza e os centrados nos naufraxios acontecidos na provincia marítima de Ferrol ou sobre a galerna de 1961.
É tamén autor de novelas como O bandido Casanova (Xerais, 2000), Premio de Novela Pastor Díaz, 1999; Aguillóns de Ortegal (Xerais, 2005), Monbars, o anxo exterminador (Xerais, 2006), Premio Eixo Atlántico de Narrativa Galega e Portuguesa no ano 2006, unha novela sobre piratas filibusteiros; A do vinte e un (Sotelo Blanco, 2010), unha novela histórica sobre o mundo da armada, Premio Vicente Risco de Creación Literaria no 2009; e a máis recente, Winnipeg (Xerais, 2013), unha novela baseada en feitos e testemuños reais que recrea as peripecias dos tres irmáns Pita Armada, embarcados con outros 20 galegos, todos refuxiados políticos da Guerra Civil, nun buque “da esperanza” fretado por Pablo Neruda con rumbo desde Francia cara a América.