Desde o Concello de Padrón:
“O poeta e editor noiés Manuel López Rodríguez é o gañador da oitava edición do certame poético Rosalía de Castro coa obra Neste mesmo intre. O xurado, reunido onte pola mañá no Concello de Padrón, destaca a “gran riqueza de imaxes” coa que López logra recrear unha Compostela extinta na que se producen certos achádegos literarios.
A obra de Manuel López, presentada co lema ‘A campesiña do Ensanche’, foi seleccionada por maioría entre as dezanove que este ano se presentaron ao certame Rosalía de Castro. O xurado, presidido polo alcalde de Padrón, Antonio Fernández, contou como vogais coa concelleira Lorena Couso; o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira; o profesor do IES Macías O Namorado Manuel Lorenzo Bailerón, e os poetas Elvira Ribeiro, Miriam Ferradáns e Rafa Vilar, gañador do última edición deste galardón con O sal dos días. (…)”