Compostela: actividades destacadas do 10 de maio na Feira do Libro 2021

O 10 de maio continúa a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:30 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

19:00 h. Manuel López Rodríguez asina Vangarda ule e Desde onde non nace, publicados por Medulia.
19:00 h. Suso Bahamonde asina Instrucións para matar un oso, publicado por Belagua.
20:00 h. Carlos Méixome asina Catas na memoria, publicado por Laiovento.

Álex Mene faise co XXIV Premio de poesía Concello de Carral co seu primeiro poemario: Os puntos do impacto

Desde o Concello de Carral:
“O vigués Álex Mene vén de facerse co XXIV Premio de Poesía Concello de Carral coa súa obra Os puntos do impacto. O autor, que conta xa con varias publicacións, acadou o galardón tras conquistar ao xurado do certame cun “universo orixinal e coherente e cunha estrutura ben elaborada, na que sobresae a solidez da voz poética, propoñendo unha volta á ancestralidade e un retorno do ser humano á natureza para diluírse nela”.
O xurado salientou, iso si, “a calidade demostrada no conxunto de obras presentadas a esta edición do certame, no que se contou cun alto número de poemarios merecentes do premio”. O tribunal do concurso estivo formado polo concelleiro de Cultura, Francisco Bello Hermida –presidente-, por Manuel López Rodríguez –gañador da pasada edición e que estivo en calidade de vogal-, Inma Otero –crítica literaria e profesora, tamén en calidade de vogal-, Luciano Rodríguez Gómez –profesor e investigador literario como vogal- e por Carlos Lorenzo –técnico municipal de Cultura en calidade de secretario-. (…)
O premio de Carral está dotado con 2.500 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior.
O acto de entrega do premio Concello de Carral está previsto para o 28 de maio e servirá, así mesmo, para presentar o libro As pulsacións, co que Manuel López Rodríguez gañou a XXIII edición do certame.
Como vén sendo habitual, a Xunta de Galicia colabora co Concello de Carral, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Políticas Culturais para a publicación da obra premiada. (…)”

II Festival Virtual do Libro de Galicia (FLIV 21): programa previsto para os 27 e 28 de marzo

Obras gañadoras do XXIV Certame Francisco Añón de poesía 2020

Carral: entrega do Premio de poesía Concello de Carral 2019 e entrega do Premio de 2020, o 12 de setembro

“A Casa da Cultura de Carral acollerá o vindeiro sábado 12 de setembro, ás 19:00 h, o acto central do Premio de Poesía Concello de Carral. Como é habitual, o evento servirá para conceder o premio da presente edición e para a presentación da publicación do libro gañador na anterior. Así, Manuel López Rodríguez recibirá o galardón polo seu poemario Nas pulsacións e Xurxo Alonso presentará En luz escrita co que obtivo o premio o pasado ano e que formará parte da colección de Poesía de Espiral Maior. Como en anos anteriores, contamos coa colaboración económica da Xunta de Galicia para a edición da obra gañadora do noso certame.
No acto contarase coa presenza do alcalde Javier Gestal Pose, do director xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, de Miriam Ferradáns, como representante do xurado da vixente edición, e de Miguel Anxo Fernán Vello como responsable de Edicións Espiral Maior.
Debido ás actuais circunstancias, o aforo será moi limitado e será preciso para asistir inscribirse previamente chamando antes das 14:00 h. do venres ao 981 672 580.
Ao público asistente agasallarase o libro En luz escrita, tendo ocasión de que llo asine o seu autor, Xurxo Alonso.
Nesta edición e dadas as precaucións polo Covid19, o acto non contará con ningún tipo de intervención artística nin existirá o habitual convite para o público participante.”

Manuel López Rodríguez gaña o 23º Premio Concello de Carral de poesía

Desde o Concello de Carral:
“Manuel López Rodríguez (Noia, 1978), coa súa obra Nas pulsacións, resultou gañador do Concurso de Poesía “Concello de Carral” do presente ano.
O xurado salienta neste poemario o feito de que amosa un discurso lírico sólido e inspirado, con gran riqueza léxica e con interesantes achados estilísticos.
Manuel López Rodríguez ten publicado un libro titulado Antítese nativa, así como múltiples poemas en revistas e volumes colectivos. Foi ganador dos premios Suso Vaamonde de poesía, Eduardo Pondal e López Ardeiro, entre otros.
O xurado do concurso estivo formado por Miriam Ferradáns, José Mª Paz Gago e Xurxo Alonso, coa presidencia do concelleiro de Cultura, Francisco Bello Hermida, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez. Ao certame presentáronse un total de 42 poemarios.
O premio de Carral está dotado con 2500 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior.
O acto de entrega do premio “Concello de Carral” está previsto para o mes de setembro. O mesmo acto servirá para a presentación do poemario que gañou na pasada edición, En luz escrita de Xurxo Alonso.
Como ven sendo habitual nas últimas edicións, a Xunta de Galicia colabora co Concello de Carral, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Políticas Culturais para a publicación da obra premiada.”