Entrevista a Diana Varela Puñal en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): A Costa da Morte é territorio de fértil creación literaria, artística… Que cre que ocorre?
— Diana Varela Puñal (DVP): A presenza do territorio é fortísima, xa a presenza do mar sería suficiente para crear un fío. Marca non só a nivel literario, senón vital. A parte disto, é un núcleo de poboación onde as raíces, a cultura galega, está moi presente. Iso propicia que afloren escritores, artistas… Unha planta coas raíces no ar divaga. Non é o caso da nosa terra, na que o patrimonio cultural, e iso inclúe a paisaxe, está vivo en cada un de nós. Isto ten continuidade nas nosas obras.
— LVG: Que a levou á escrita?
— DVP: Sempre me gustou ler, e mesmo antes de saber ler encantábame que me contasen contos. Meus pais chegaron a gravarme cintas con contos contados por eles e logo mercáronme unhas de contos clásicos e un walkman porque xa ían cansos de escoitar sempre o mesmo na radiocasete [ri]. Cando aprendín a ler, aquilo era un paraíso. Na escrita descubrín, despois, unha vía de expresión.
— LVG: Ten gañado diversos galardóns, un ben recente, no 2021, o Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta, coa súa obra A conxura. Neira Vilas é especial para vostede.
— DVP: Foi ese escritor admirado, case místico. O meu primeiro premio, sendo aínda unha nena que estudaba no colexio As Forcadas, entregoumo el no Couto. Recordo aquilo con agarimo, e á mestra dona Beatriz, que sempre nos animaba e ensinaba palabras con historias disparatadas. Con A conxura estou satisfeita, chamoume xente á editorial para dicirme que lles sacara un sorriso. Ao avogado e escritor Xosé Antonio Andrade, como dixo na presentación da obra en Espiral Maior Foro, pareceulle un «delicioso disparate», e eu xa adoptei iso. Hai quince días que cheguei de París, onde falei precisamente de A Conxura na aula de galego da Sorbona. (…)”