Entrevista de Antón Escuredo a Marica Campo en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Que opina da prensa como transmisora de literatura publicando obras na súas páxinas?
– Marica Campo (MC): Paréceme moi ben. É unha maneira de achegala á xente. Todas temos nas nosas casas, moitas veces, unha serie de libros agardando para ser lidos mais o que nos chega na prensa diaria lémolo enseguida. Coido que é necesaria a implicación da prensa. Partindo do que podemos ler na prensa podemos ter outras conexións.
— ND: Ten tratado moitos ámbitos da literatura, desde a narrativa até a poesía. Como enfocou agora o relato?
– MC: Certo é que o relato ten un espazo moito maior de liberdade que cando escribes un artigo puramente xornalístico. O relato ten que ser máis redondo, máis completo diría eu. Teñen que ser, desde logo, historias circulares.
— ND: Como valora a súa extensa traxectoria literaria até o momento actual, con numerosa obra publicada e varios galardóns recibidos?
– MC: A miña obra, aínda que pareza como continua, non o é. Valóroa como moi a saltos. No transcurso da miña vida sempre se meteron polo medio outras propostas e o tempo, ao fin e ao cabo, é o que é. Considero que tiña que ter feito moito máis desde o punto de vista da obra persoal. Recoñezo que me pasei a vida acudindo a unha serie de chamadas que me fixeron: presentacións, pregóns, prólogos… e que me sentín obrigada a facer.
— ND: Ten pensado algún proxecto para realizar no futuro inmediato?
– MC: Hai unha novela que me reclaman que faga. Tería que ser, iso si, longa. No argumento contaría, xa sabes que inventar non inventamos nada, en todo caso recombinamos experiencias sexan de lecturas, da propia vida ou da historia familiar. Cada vez sinto que me queda menos tempo e non sei se a chegarei a facer. Tamén querería realizar un libro unitario de poesía aproveitando moitos poemas que teño gardados dos últimos anos. Facer algo completo. Dubido de se sei o que é a literatura, do que é a poesía e de todo. Non é por estar nun estado pesimista. Á volta de tanto tempo relativizas.”