María López Sández, académica de número electa na Real Academia Galega

Desde a Real Academia Galega:
“Na sesión plenaria do sábado 9 de xullo tamén se votou a favor de que a filóloga e escritora María López Sández (Lugo, 1973) ocupe a vacante producida polo pasamento do académico Darío Xohán Cabana o pasado mes de novembro. Profesora de Didáctica da Lingua e da Literatura da Universidade de Santiago de Compostela e catedrática en excedencia do ensino secundario, a académica de número electa é investigadora da literatura galega e da sociolingüística, e tamén creadora literaria. (…)
A traxectoria de María López Sández demostra un firme compromiso coa lingua e a cultura galegas dende unha perspectiva rigorosa e multidisciplinaria. Licenciada en Filoloxía Galega, Hispánica e Inglesa, foi premio fin de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia e segundo premio nacional de Terminación de Estudos Universitarios de Filoloxía. Doutorouse en teoría da literatura e literatura comparada cunha tese na que analizou a descrición da paisaxe como unha das condicións simbólicas da nación a través de Rosalía de Castro, Ramón Otero Pedrayo e Xosé Luís Méndez Ferrín. Neste mesmo tema centrouse o ensaio que lle valeu o Premio Ramón Piñeiro, unha obra de referencia na relación da literatura galega co territorio; e nel seguiría a afondar atendendo os imaxinarios rurais e urbanos no campo das letras galegas en autores como Eduardo Blanco Amor e Carlos Casares e mais a análise semiótica da cartografía, subliñando a centralidade cultural do mapa de Domingo Fontán. (…)”