A RAG dedicaralle o Día das Letras Galegas 2023 a Francisco Fernández del Riego

Desde a Real Academia Galega:
“A Real Academia Galega dedicaralle o Día das Letras Galegas 2023 a Francisco Fernández del Riego (Vilanova de Lourenzá, 1913 – Vigo, 2010). O pleno da institución, reunido hoxe en sesión ordinaria, acordou homenaxealo o vindeiro 17 de maio, cadrando coa celebración do sesenta aniversario do primeiro Día das Letras Galegas, do que foi inspirador, e os cento dez anos do seu nacemento. Membro da nova xeración de intelectuais que lle deron continuidade ao ideario do Grupo Nós, Francisco Fernández del Riego foi un loitador cultural incansable que chegou a se converter nunha auténtica institución do país, respectado por todos e aberto ás diversas manifestacións do galeguismo. Foi unha das figuras centrais do galeguismo progresista e clave da resistencia no exilio interior durante o franquismo, cunha traxectoria polifacética e prolífica que abrangueu dende a política, a creación e crítica literaria á edición. A comezos dos anos 50 foi un dos fundadores da Editorial Galaxia, empresa que desempeñou un papel central na resistencia cultural de Galicia durante o franquismo, e na última etapa da vida presidiu a Real Academia Galega (1997-2001). (…)”