Manuel Rivas: “A imaxinación e a creación literaria tamén son modos de informar e relatar a realidade”

Entrevista de Antón Escuredo a Manuel Rivas en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Podería ser perigoso o avance da tecnoloxía?
– Manuel Rivas (MR): Non é que poida ser perigoso, é que xa o é. Depende de como utilicemos a tecnoloxía mais actualmente estamos a vivir nun mundo dominado pola síndrome do medo a ficar fóra.
Un perigo importante é pensar que a tecnoloxía pode solucionar os problemas que a humanidade non é capaz de solucionar. O ‘solucionismo tecnolóxico’ é unha superstición que é moi perigosa; na actualidade temos unha emerxencia climática e ambiental que converteu o noso mundo, en parte, nun inferno e as novas tecnoloxías están a ser utilizas en gran medida para a sobreexplotación medioambiental máis do que para buscar unha solución a esa enorme problemática.
– ND: Este avance da teconoloxía pode facer que nos deshumanicemos?
– MR: Oxalá nos deshumanizásemos! O que estamos a facer co resto de especies do planeta é unha desfeita. Até os anos 70 había pitas do monte na Galiza, agora non queda ningunha. Practicamente non hai osos nos montes galegos e xa case non hai vagalumes no país.
Son situacións absolutamente anómalas que se acaban convertendo en normais, a desfeita acaba substituíndo o que debería ser normal e o inaceptábel acábase aceptando. Evidentemente temos que pensar noutra humanidade, unha humanidade en que o resto de seres existentes non sintan espanto de nós. Somos unha especie que causou sucesivos ecocidios e moitísimo dano. É preciso mudar a nosa perspectiva con todo aquilo que nos rodea.
Voltando ao comezo, creo que a literatura pode desempeñar ese papel de crear realidades alternativas. Parte da nosa natureza é a vangarda creativa e é moi bo que teña hábitats novos como Nós Diario que é toda unha esperanza de futuro.”