Miguel Sande: “No labirinto da vida hai personaxes que atopan a saída, pero outros non”

Entrevista de Ramón Loureiro a Miguel Sande en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Un libro narrado a través dun verdadeiro «xogo de perspectivas». Onde situou, nesta novela, a raia que separa realidade e ficción?
– Miguel Sande (MS): Esa raia non existe…
– LVG: Non existe, di?
– MS: Non [sorrí Sande]. E, ademais, na súa inexistencia reside, precisamente, o xogo do libro. Nas páxinas de O negociador non hai unha liña de separación, como tal, entre ficción e realidade. E esa maneira de narrar é a que me axuda a contar esta historia. Eu penso que, grazas aos lectores, toda historia novelada é sempre certa.
– LVG: Nesta nova novela súa hai un testemuño verdadeiramente excepcional: o do home que intentou conseguir a liberación de Ortega Lara ao longo de seis encontros celebrados en Alxer. Un negociador frío, que non xulga…
– MS: Si: que só trata de resolver un conflito.
– LVG: E iso, por riba, negociando nun país sumido nunha guerra civil, cos islamistas tratando de recuperar o poder. Por que non hai nomes na novela?
– MS: Non hai nomes porque a min paréceme que poñerllos sería como poñerlle ao libro, tamén, data de caducidade. O que hai son sensacións. Sensacións que hoxendía, 25 anos despois daqueles feitos, seguen vivas. Sons sensacións íntimas que transcenden o paso do tempo. Ese foi o material que eu utilicei para novelar.
– LVG: Como a presenza dos olores, por exemplo.
– MS: Claro. Aí están os olores que el lembra. Como está o seu particular caderno de notas, concibido de maneira que a información non puidese ser desencriptada. Como está o medo, envolto nun xogo de enganos e tamén de esaxeracións. E a soidade dun hotel no que aínda perviven as sombras, as presenzas/ausencias, de Édith Piaf, de Albert Camus, de María Casares e de tantos outros.
– LVG: O paso do tempo trae consigo unha perspectiva nova, axuda a comprender?
– MS: Penso que si. E a novela está narrada desde a perspectiva que hoxe temos. A vida é un labirinto moi complexo. E nese labirinto, no labirinto da vida, hai personaxes que atopan a saída, pero outros non.
– LVG: Estamos perdendo a capacidade de ser críticos coa realidade?
– MS: Estamos perdendo, incluso, a memoria. Todo vai xa demasiado rápido. Pero a literatura sempre nos abrirá as ventás do mundo.”