Carballo: “Pensamento e literatura”, con Xosé Manuel Beiras

Álex Alonso: “Baixo unha capa cómica, O estranxeiro trata temas serios como a morte dun ser querido”

Entrevista de Laura Veiga a Álex Alonso en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Que significou gañar o Premio Manuel Lueiro Rei?
– Álex Alonso (AA): Foi unha sorpresa. Considero que o meu é un texto que tiña bastantes dificultades para gañar polo seu ton cómico. Penso que son un tipo de textos aos que se lles dá menos valor. Con todo, eu digo que é humorístico desde o meu punto de vista. Lémbrome perfectamente de rir mentres escribía ou repasaba, mais tamén hai que esperar a interpretación que faga a persoa que o le, que pode dicir que non lle parece así. É un texto que, baixo esa capa cómica, está tratando temas serios como a relación cun mesmo cando morre un ser querido, a xustiza… É un texto que pode ter un abano moi amplo de interpretacións.
Aliás, este é un premio moi prestixioso que ademais está conformado por xente moi técnica, que pertence ao mundo da literatura, a diferenza igual doutro tipo de premios onde o xurado varía máis, polo que foi unha inmensa alegría coñecer este resultado.
– ND: Por que decidiu utilizar este ton cómico para tratar os temas serios dos que fala?
– AA: Saíume así. Cando cheguei a O Estranxeiro de Camus chamoume a atención porque era un texto moi ambiguo onde hai un personaxe que é deste tipo de persoas que cando falan non se sabe se o di en serio ou está de broma. É un personaxe que tamén é moi ambiguo, que de súpeto asasina unha persoa, mais que pode dar lugar a múltiples interpretacións. Como me chamou tanto a atención este texto, púxenme a facer unha especie de versión, O estranxeiro á miña maneira, e nada máis comezar xa derivei cara ao humor.
En moitas ocasións a historia depende do inicio, da deriva que tome a historia a medida que vas construíndo personaxes e neste caso todo se foi movendo cara a aí. Lembro que o pasei moi ben escribindo e que sentín unha cousa que non sentira nunca en ningún outro texto: había momentos nos que parecía que quen escribía o texto non era eu, senón que o meu personaxe, Manuel María, ía ditando o argumento e a acción.
Eran como ideas que aparecían de súpeto e, como é un texto que escribín hai tempo e está gañando agora, só podo dicir que me alegro de que saíra á luz. Creo que moitas veces é cuestión de algo que te chama a atención e a partir de aí ir probando e ver o que ocorre. (…)”

O escritor Álex Alonso recibirá o premio Lueiro Rey o domingo 15 no Grove

Desde Pontevedra Viva:
“O acto de entrega do XXVIII Premio Manuel Lueiro Rey terá lugar este domingo 15 de xaneiro a partir das 12.00 horas na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey.
O escritor Álex Alonso recibirá este premio pola súa novela O estranxeiro, un traballo no que adapta a obra orixinal de Albert Camus buscando un estilo máis humorístico. (…)
O Manuel Lueiro Rey está dotado con 3.000 euros e a obra será publicada pola editorial Edicións Xerais.”

Miguel Sande: “No labirinto da vida hai personaxes que atopan a saída, pero outros non”

Entrevista de Ramón Loureiro a Miguel Sande en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Un libro narrado a través dun verdadeiro «xogo de perspectivas». Onde situou, nesta novela, a raia que separa realidade e ficción?
– Miguel Sande (MS): Esa raia non existe…
– LVG: Non existe, di?
– MS: Non [sorrí Sande]. E, ademais, na súa inexistencia reside, precisamente, o xogo do libro. Nas páxinas de O negociador non hai unha liña de separación, como tal, entre ficción e realidade. E esa maneira de narrar é a que me axuda a contar esta historia. Eu penso que, grazas aos lectores, toda historia novelada é sempre certa.
– LVG: Nesta nova novela súa hai un testemuño verdadeiramente excepcional: o do home que intentou conseguir a liberación de Ortega Lara ao longo de seis encontros celebrados en Alxer. Un negociador frío, que non xulga…
– MS: Si: que só trata de resolver un conflito.
– LVG: E iso, por riba, negociando nun país sumido nunha guerra civil, cos islamistas tratando de recuperar o poder. Por que non hai nomes na novela?
– MS: Non hai nomes porque a min paréceme que poñerllos sería como poñerlle ao libro, tamén, data de caducidade. O que hai son sensacións. Sensacións que hoxendía, 25 anos despois daqueles feitos, seguen vivas. Sons sensacións íntimas que transcenden o paso do tempo. Ese foi o material que eu utilicei para novelar.
– LVG: Como a presenza dos olores, por exemplo.
– MS: Claro. Aí están os olores que el lembra. Como está o seu particular caderno de notas, concibido de maneira que a información non puidese ser desencriptada. Como está o medo, envolto nun xogo de enganos e tamén de esaxeracións. E a soidade dun hotel no que aínda perviven as sombras, as presenzas/ausencias, de Édith Piaf, de Albert Camus, de María Casares e de tantos outros.
– LVG: O paso do tempo trae consigo unha perspectiva nova, axuda a comprender?
– MS: Penso que si. E a novela está narrada desde a perspectiva que hoxe temos. A vida é un labirinto moi complexo. E nese labirinto, no labirinto da vida, hai personaxes que atopan a saída, pero outros non.
– LVG: Estamos perdendo a capacidade de ser críticos coa realidade?
– MS: Estamos perdendo, incluso, a memoria. Todo vai xa demasiado rápido. Pero a literatura sempre nos abrirá as ventás do mundo.”

Beiras traduce as cartas de Albert Camus

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“A tradución ao galego de Xosé Manuel Beiras das Cartas a un amigo alemán foi publicada na Revista Grial no seu número 15, correspondente ao primeiro trimestre do ano 1967. Esta edición incorpora un valioso ‘Prefacio’ en tres capítulos onde o tradutor ofrece unha breve historia dunha versión galega que xa posúe, ademais do mérito literario en si mesmo, un recoñecido valor histórico; contextualiza as Cartas na súa trama sincrónico-temporal e biográfica do autor, e engade un terceiro capítulo para explicar o porqué da inclusión de nove textos complementarios de Albert Camus. A entrevista pode verse aquí.”

A Coruña: actividades destacadas na Feira do Libro 2018 para o 9 de agosto

O 9 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

18:00 h. Charo Pita presenta No país do vento, libro-CD publicado en Galaxia. Na carpa infantil.
18:00 h. Sinatura de Ledicia Costas na Caseta da Libraría Cartabón.
19:00 h. Presentación de Catro cartas a un amigo alemán e outros textos, de Albert Camus, publicado por Trifolium. Presentan Xosé Manuel Beiras, Miguel Anxo Fernán-Vello, Laura Caveiro e Xan Arias.
19:00 h. Presentación de As lembranzas perdidas do Lago Antelväri, de Xosé Duncan, publicado por Galaxia.
19:00 h. Carlos Meixide asina Guitiriz, na caseta da Libraría Berbiriana.
19:30 h. Óscar Villán e Manuel Lourenzo González asinan na caseta da libraría Lume.
19:45 h. Presentación de Meirás. Un pazo, un caudillo, un espolio, de Manuel Pérez e Carlos Babio (Fundación Galiza Sempre). Participan Francisco Jorquera e Goretti Sanmartín.
20:00 h. Estíbaliz Espinosa asina as neuronas irmás, na caseta da Libraría Berbiriana.
20:00 h. Pura Tejelo na caseta da Libraría Azeta.
20:30 h. Presentación de Contra todo isto, de Manuel Rivas, publicado por Xerais. O autor estará acompañado de Fran Alonso.