María Solar, premio Xerais de novela 2022: “Se cunha novela alguén non se emociona, entón é unha derrota”

Entrevista de Gala Dacosta Diehl a María Solar en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Que sensación a acompaña despois de recibir un galardón que é xa un clásico?
– María Solar (MS): Levo días emocionada porque para min isto non é só o premio: son os afectos e como se enchen as redes e o móbil co cariño da xente. Escribir é algo moi solitario e moi intenso, e durante ese tempo vivo dentro da historia. Cando me chamaron para dicirme que gañara, boteime a chorar por varios motivos: pola espera, polas horas que botei despois de traballar… Unha parte importante do galardón é o seu peso e a súa importancia, pero non o é todo.
– LVG: A culpa é unha personaxe máis nesta novela sobre mulleres, en que sentido querías falar dela?
– MS: Eu quería falar da culpa dende moitas vertentes. A súa presenza na sociedade é brutal dende que nacemos; sempre nos persegue, especialmente ás mulleres, e cando non hai un culpable a man, buscámolo. A culpa pódete perseguir durante toda a vida, ou pode aparecer anos despois, e pode ser real ou imaxinaria. Pódese dicir que é unha protagonista fundamental.
– LVG: Que nos pode adiantar sobre as outras dúas protagonistas, Mirta e Marcela?
– MS: Unha personaxe, Amanda, conta dende a actualidade como atopa a historia vital destas mulleres, que é a dunha relación enfermiza de control e dominación ata a loucura. Ao final, Amanda herdará esa culpa xunto con outra herdanza de tipo económico.
– LVG: Como foi o proceso de escrita?
– MS: Por primeira vez, cando ía escribir esta novela xa coñecía a trama e un xiro transcendental que aparece ao final de todo. Eu teño moi pouco tempo porque traballo moitas horas cada día, teño fillos, unha nai moi maior… Foi difícil escribir por falta de tempo, pero eu necesitaba vomitar esa historia que levaba dentro xa cinco anos. Escribindo son moi maniática e necesito que todo teña unha precisión real, así que investiguei sobre temas legais sobre herdanzas, tamén sobre cuestións históricas sobre os dous escenarios nos que transcorre a novela, que son España e Arxentina, e falei cun médico forense de Verín que é unha eminencia… (…)”