Francisco Rodríguez, ensaísta: “O grao de autonomía e o peso político do reino son incuestionábeis até finais do século XIV”

Entrevista de Xoán Costa a Francisco Rodríguez en Nós Diario:
“A Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), coa colaboración da Fundación Galiza Sempre, publica o segundo volume do libro Unha etapa estelar e conflitiva de Galiza (a segunda metade do século XIV). Tomo II. Un reino con clase dirixente, da autoría do ensaísta e historiador Francisco Rodríguez. Abordamos nesta entrevista algunhas cuestións fulcrais analisadas no volume que ten a súa primeira presentación hoxe en Compostela.
– Nós Diario (ND): Como caracterizaría a situación da Galiza na segunda metade do século XIV?
– Francisco Rodríguez (FR): Aclararemos que, desde 1230, o reino da Galiza estivo integrado, dunha forma inestábel e conflitiva, nunha monarquía con base plurinacional de cerne castelán e mesmo castelanista. Porén, esta integración non significou subordinación absoluta nen unha dependencia consumada. O grao de autonomía e o peso político do reino son incuestionábeis até finais do século XIV, con dinámicas específicas e relación coa Coroa propia de quen actúa con independencia de criterio. Non é de estrañar, pois, que houbese desde intentos de recuperar unha monarquía propia, producíndose así unha conflitividade dura, con confrontación bélica nos anos finais do século XIII e comezos do XIV, até outra máis soterrada e continua, en procura dun acomodo máis favorábel. Naturalmente, isto é así por existir unha clase dirixente propia e unha realidade económica, social, política, relixiosa e institucional con grande dinamismo, específica, que non desapareceu coa integración.
– ND: Que caracterizaba esa clase dirixente, en concreto de Fernando de Castro e o seu papel?
– FR: Fernando, ou Fernán, é un home carismático e con grande capacidade de aglutinar. Representa o líder indiscutíbel da Galiza nun contexto moi conflitivo e decisivo, que considero tamén estelar e responde á conduta e moral da saga familiar á que pertence, unha liñaxe que se considera, a falta de monarquía propia, no deber de representar o reino. Esta tendencia, que é notoria nos seus antergos, faise nel un deber inescusábel nesta situación conflitiva. Ademais, representa a asunción dun pacto social entre a nobreza e a burguesía que lle dá ao movemento que el encabeza unha dimensión nacional.
– ND: E con el, a Galiza é o epicentro do petrismo.
– FR: No conflito interno á monarquía plurinacional, o reino da Galiza sitúase como apoio fundamental ao rei Pedro I e como oposición frontal aos falsos Trastámara. Baixo o liderado de Fernando, a Galiza ficará fóra do dominio trastamarista, unha vez instaurada a monarquía bastarda no resto dos reinos da monarquía plurinacional. Serán os castristas galegos os que designan Fernando I de Portugal rei da Galiza. Portugal, tradicional aliado de Pedro I e con forte influencia dos Castro, e a Galiza serán invadidos por un exército multinacional con mercenarios de toda procedencia e o apoio do Papa. A batalla de Porto de Bois, perto de Pambre, obrigou os castristas a se protexeren en Portugal e logo ao exilio forzado a Aquitania e Inglaterra, onde moitos, entre eles Fernando, morreron. (…)”