Entrevista de Patricia Blanco a Xosé Iglesias en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Que nos trae desta volta?
– Xosé Iglesias (XI): Atlántico Norte é o meu terceiro poemario. O último era do 2016, A relixión do mar, este quizais é máis pensado ou meditado. Rompe a estrutura dos outros dous: aqueles falaban do mar con moitos vocábulos técnicos, pero este é un poemario moi sinxelo. Falo de amor e soidade, o que sentimos mariñeiros, mariños ou navegantes solitarios cando deixamos terra e nos adentramos no mar, quedando pola popa todo o que queremos.
– LVG: Unha soidade que senten no océano entendible dende terra?
– XI: Si, porque o amor é universal.
– LVG: Responde a algo en concreto?
– XI: Atopei unha carta das que lle escribín á miña exmuller cando estaba embarcado no Gran Sol, onde botei catro anos antes de mercar o meu barco, co que levo 18. Iso sería no 2000. Non había Whatsapp a bordo, as chamadas eran carísimas… A mensaxería que tiñamos era pecharte no camarote, coller unha folla en branco e enviar Whatsapps imaxinarios. Chegaban ao seu destinatario en forma de carta, que enviabamos cando pisabamos terra: iamos moitas veces a Irlanda. Decidín trasladar eses sentimentos, que poden ser os de calquera mariñeiro, a este libro, que ademais de ser poemario de amor e soidade, tamén o é de cetáceos. De aí o título. Chamádeme Ismael é unha das grandes frases da literatura universal, en moitos idiomas. Así comeza Moby Dick, a novela de Herman Melville. Falo dalgunha balea perdida no mar, como a 52 hercios, ou outros cetáceos que atopamos navegando… (…)”