María Alonso Seisdedos: “A situación mellorou moito no panorama da tradución e temos excelentes profesionais”

Entrevista de Laura Veiga a María Alonso Seisdedos en Nós Diario:
“María Alonso Seisdedos, filóloga e tradutora, fala do Premio Plácido Castro -da fundación homónima-, no que foi recoñecida pola tradución do catalán ao galego da obra Canto eu e a montaña baila, de Irene Solá, e que lle será outorgado o día 30 de setembro. Alonso fala dos procesos internos no seu labor e dun panorama no que, como ela di, “as novidades literarias duran menos de tres meses”.
– Nós Diario (ND): Como foi saber que gañara o Premio Plácido Castro?
– María Alonso Seisdedos (MAS): Estou moi agradecida, sobre todo tendo en conta que é o único premio de tradución que ten dotación económica. Non deixa de ser curioso e non podo deixar de dicilo, e de agradecer, que esta dotación veña do cociñeiro Paco Feixó. Desde logo non o esperaba, nunca agardo recibir premios: podo desexalo, mais non esperalo porque a min gústame traducir. Fágoo o mellor que podo, como todos os outros tradutores, esforzándonos e dándoo todo. Alén, no caso da tradución literaria, se a fas é porque che gusta moito, porque economicamente non se pode dicir que compense.
Neste caso eu nin sequera me presentara ao premio, o xurado decidiu presentar Canto eu e a montaña baila como supoño que farían con outras das miñas compañeiras. O resto das obras eran boas traducións e non quero quitar méritos ao xurado nin moito menos, mais por que a min? Que ten a miña tradución que non teñan as outras? Supoño que hai que escoller unha e tocoume.
O mesmo pasou cando me deron o Follas Novas por esta mesma obra, podía saír calquera das outras finalistas. Eu nin sequera levaba un discurso preparado. De feito, a chamada polo Plácido Castro recibina o outro día pola tarde: vin un número descoñecido e pensei que era unha eléctrica, por iso contestei dunha forma bastante seca. En canto escoitei unha voz evidentemente galega xa me dei de conta de que non era Naturgy, porque os comerciais xa non están na Coruña, mais eu nin sabía que o premio se resolvía ese día.
– ND: O xurado destacou o respecto á puntuación orixinal. Cal foi a parte más complicada da tradución?
– MAS: Non o sei. Nestes días estaba falando sobre o Ulises e precisamente para min están Ulises por unha banda e pola outra todo o resto. Todo ten dificultades, tamén a literatura infantil. Eu métome no libro, mergúllome. Ao principio cústame todo e até a metade de calquera libro non acabo de entrar nel, é como subir unha pendente, mais despois é como se a mente se habituase a ese estilo.
Neste caso falamos de textos moi diferentes entre si, independentes mais cun nexo común que é a montaña. Non sei explicalo, eu traduzo e déixome levar. O da puntuación sorprendeume un pouco porque en moitas traducións non é o que máis respecto. Hai pouco traducín Léxico familiar de Natalia Ginzburg e desde logo non a respectei para nada porque non me parecía correcta en galego para unha lectura fluída. Entón, non sei canto respectei a puntuación orixinal neste caso, a tradución fíxena xa hai máis dun ano e, como eu si que vivo da tradución literaria, paso dun libro a outro e acabo esquecendo o anterior. Diso tamén ten moita culpa a miña desmemoria. (…)”