Rocío Leira: “Creo que a literatura debe ter tamén unha función social”

Entrevista a Rocío Leira en Faro de Vigo:
“(…) – Faro de Vigo (FV): Ti es matemática, pero neste libro atopamos referencias á filosofía e cantidade de xogos nemotécnicos, as letras e as ciencias están máis preto do que pensamos?
– Rocío Leira (RL): Letras e ciencias, a pesares do tópico creo que están intimamente relacionadas. Foron moitos os matemáticos que ó longo da historia destacaron no mundo dos libros: Lewis Carroll, Echegaray… En Cicuta para dous trátase o tema da filosofía e malia que matemáticas e filosofía poidan parecer disciplinas diametralmente opostas, en realidade, ambas están moi ligadas, pois nas dúas se traballa coa mesma materia prima: os pensamentos. En ambas, a razón, o sentido crítico e a abstracción son elementos esenciais, polo que mesmo se podería decir que lonxe de seren disciplinas opostas, ambas se complementan á perfección.
– FV: E como marca (se é que o fai) a matemática na forma de escribir? Moitas revisións? Búsqueda de exactitude?
– RL: Son matemática vocacional e para min a miña profesión é moito máis que un modo de gañarme a vida. No meu caso as matemáticas representan un modo de ser e de estar no mundo, unha maneira particular de entender a vida. Polo tanto, resulta case inevitable que esa paixón non se traslade a todo o que fago, incluída a miña faceta literaria. Creo que nos meus escritos se adiviña sempre un certo matiz matemático e o emprego da lóxica ten un papel protagonista.
No caso de Cicuta para dous non ía ser menos, e nas súas páxinas transmítese unha defensa acérrima do pensamento e da reflexión como ferramentas indispensables para conducirnos pola vida.
– FV: E nese caso, como marca a filosofía?
– RL: Son unha gran lectora de filosofía, e malia que carezo de formación nese eido, adoro esa disciplina. En Cicuta para dous trato de transmitir ese gusto polo oficio de Sócrates pois considero que nestes momentos a filosofía é máis necesaria ca nunca. Rodeados como estamos de falacias, fake news e posverdades, penso que é imprescindible desenvolver un sentido critico para analizar todo o que está acontecendo e para protexernos da manipulación á que nos vemos sometidos dende todos os estamentos da sociedade. (…)”