Entrevista de Laura Veiga a Antía Otero en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Presentando Barroco en Twitter, dicía que era como un día ventoso e morno a un tempo.
– Antía Otero (AO): Este poemario xurdiu despois de bastante tempo de inflexión entre un libro e outro, porque eu teño unha escrita lenta. Xurdiu a raíz dunha pregunta que eu até o de agora na miña traxectoria non me fixera así, con tanta rotundidade: Que relación teñen a arte e a escrita? Que relación teñen para min? Tendo en conta a miña formación como historiadora da arte, é certo que todas as referencias artísticas que eu ía empregando sempre saían dun modo moi natural, polo que nunca me paraba a entender realmente onde estaba ese roce concretamente.
Despois de observar e de analizar moito, fun chegando a un termo: o efémero. Penso que hai algo aí, no efémero, en relación coa iconografía e coa simboloxía que para min é o que testemuña directamente ese parentesco, esa interpretación natural. Sempre me interesou cando nun feito cotián de súpeto eu detectaba que había unha expresión artística e iso foi o que quixen levar á escrita: o roce entre o feito artístico e o fenómeno natural.
Cando pensamos nun día ventoso, rapidamente temos a idea do frío, deste tempo no que non queres saír da casa, mais o vento tamén pode ser morno. Esa é a cuestión. Ese era un día ventoso, mais tremendamente morno por todo o cariño que recibín.
Ao final, movémonos nas contradicións e son moi interesantes estes lugares mestizos nos que non todo é branco nin negro. Aí aparece o concepto do claroscuro, algo moi presente no movemento do Barroco, mais tamén no libro, como algo que fai visíbel o invisíbel. (…)”