Vigo: obradoiro de poesía con Marta Dacosta, na Escola de Letras

Desde Galaxia:
“O 1 de marzo, ás 08:00 h., ábrese a matrícula do Obradoiro de Poesía, da Escola de Letras, da Deputación de Pontevedra e a Editorial Galaxia, con Marta Dacosta, en Vigo.
As sesións celebraranse os días 7 e 14 de marzo; na sede da Deputación de Pontevedra, en Vigo (Rúa Eduardo Chao, 17), en horario de 18 h a 20 h.
Só estará aberta a matrícula para este obradoiro. Para os vindeiros, abrirase o prazo de inscrición durante o transcurso da edición.
Marta Dacosta debuta na Escola ofrecendo ao alumnado, neste taller, a oportunidade de aprender máis arredor do proceso de creación, o impulso da escrita, revisión e fixación do poema.
A través de xogos creativos, e a poesía oriental como procedemento para controlar o proceso creativo, todas as persoas participantes poderán incidir máis no proceso individual e colectivo que abrangue a creación poética. As persoas participantes elaborarán un poema a partir dun elemento elixido por elas mesmas.
O alumnado inscrito deberá levar ao obradoiro un libro de poesía en galego que sexa importante para elas e unha fotografía familiar que teña significado. (…)
Para formalizar a matrícula é imprescindible enviar un correo electrónico a escoladeletras@editorialgalaxia.gal, indicando:
-Nome completo da alumna/o.
-Correo electrónico.
-Número de teléfono.
-No ASUNTO e no CORPO do correo hai que sinalar o obradoiro,no que se quere un matricular.
Cada unha das peticións formalizaranse por estrita orde de chegada. Os obradoiros constan de quince prazas cada un; haberá unha lista de agarda para cubrir posibles baixas de matriculados. Terán preferencia as persoas que non participaron na Escola anteriormente.”