O 23 de marzo, ás 19:30 h., na A. C. Alexandre Bóveda da Coruña (Rúa Santo André, 36, 1º), dentro do ciclo Aula Aberta coa UDC, Inma Doval falaranos da proxección autoral das poetas galegas nas redes sociais dixitais: catro casos representativos. A consolidación das redes sociais dixitais facilita a comunicación e a relación entre as persoas, ao tempo que supón a creación dun novo espazo público para a (re)presentación do Eu, en moitas ocasións, cun carácter performativo. Nesta palestra analizarase a proxección autoral de catro poetas galegas contemporáneas (Helena Villar Janeiro, Dores Tembrás, Afra Torrado e Estíbaliz Espinosa) nas redes sociais dixitais e como as utilizan para se (re)presentar ante a mirada dunha audiencia múltiple e heteroxénea e para crearen un espazo (auto)biográfico cohesivo para a elaboración e recuperación da memoria individual e colectiva. As autoras empregarán estas esferas públicas conectadas como lugares de ciber-activismo e empoderamento co obxectivo final de-construíren o discurso hexemónico. As persoas interesadas poden inscribirse aquí.