Álex Alonso: “Baixo unha capa cómica, O estranxeiro trata temas serios como a morte dun ser querido”

Entrevista de Laura Veiga a Álex Alonso en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Que significou gañar o Premio Manuel Lueiro Rei?
– Álex Alonso (AA): Foi unha sorpresa. Considero que o meu é un texto que tiña bastantes dificultades para gañar polo seu ton cómico. Penso que son un tipo de textos aos que se lles dá menos valor. Con todo, eu digo que é humorístico desde o meu punto de vista. Lémbrome perfectamente de rir mentres escribía ou repasaba, mais tamén hai que esperar a interpretación que faga a persoa que o le, que pode dicir que non lle parece así. É un texto que, baixo esa capa cómica, está tratando temas serios como a relación cun mesmo cando morre un ser querido, a xustiza… É un texto que pode ter un abano moi amplo de interpretacións.
Aliás, este é un premio moi prestixioso que ademais está conformado por xente moi técnica, que pertence ao mundo da literatura, a diferenza igual doutro tipo de premios onde o xurado varía máis, polo que foi unha inmensa alegría coñecer este resultado.
– ND: Por que decidiu utilizar este ton cómico para tratar os temas serios dos que fala?
– AA: Saíume así. Cando cheguei a O Estranxeiro de Camus chamoume a atención porque era un texto moi ambiguo onde hai un personaxe que é deste tipo de persoas que cando falan non se sabe se o di en serio ou está de broma. É un personaxe que tamén é moi ambiguo, que de súpeto asasina unha persoa, mais que pode dar lugar a múltiples interpretacións. Como me chamou tanto a atención este texto, púxenme a facer unha especie de versión, O estranxeiro á miña maneira, e nada máis comezar xa derivei cara ao humor.
En moitas ocasións a historia depende do inicio, da deriva que tome a historia a medida que vas construíndo personaxes e neste caso todo se foi movendo cara a aí. Lembro que o pasei moi ben escribindo e que sentín unha cousa que non sentira nunca en ningún outro texto: había momentos nos que parecía que quen escribía o texto non era eu, senón que o meu personaxe, Manuel María, ía ditando o argumento e a acción.
Eran como ideas que aparecían de súpeto e, como é un texto que escribín hai tempo e está gañando agora, só podo dicir que me alegro de que saíra á luz. Creo que moitas veces é cuestión de algo que te chama a atención e a partir de aí ir probando e ver o que ocorre. (…)”