Entrevista a Andrea Fernández Maneiro en Faro de Vigo:
“(…) – Faro de Vigo (FV): Acumula diferentes galardóns coma escritora cunha traxectoria difícilmente mellorable.
– Andrea Fernández Maneiro (AFM): Eu non miro para atrás, miro para adiante. O pasado non me interesa. No referente aos premios, cada un significa un libro e téñolles un especial aprecio, pero en especial lémbrome do Illas Sisargas de poesía erótica, posto que foi un exercicio duro para min tras criarme nunha escola de monxas. Divírteme moito experimentar en cousas novas e iso era una nova experiencia onde traballei anos arreo para preparar este poemario. Cando gañei flipei. Non o esperaba para nada.
– FV: Periga o relevo xeracional na poesía?
– AFM: Non. Hai un montón de mozos moi bos. O problema é que na xente da miña idade ou estás consagrado ou se acabas de chegar mírante con certo receo. Escoiteille a unha poeta nova que lle estábamos a ocupar un espazo que era deles. Faime moita graza, penso que os espazos non son de ninguén. Se gustas a xente vanche ler. A poesía non é unha cuestión de espazos senón de chegar á xente e que ela escolla. Isto non está na man de quen escribe. Se tes que adicarte a vender únicamente, xa non estamos falando de poesía. Hai un relevo xeracional boísimo.
– FV: Como se conquista á mocidade?
– AFM: Xa está conquistada. Quenes non están conquistados son os mestres e mestras de Secundaria. Os rapaces, se nos fixamos, prefiren a poesía. Os cativos inclínanse polas frases que rimen e os adolescentes están a outras cousas máis existencialistas. Ao final, os únicos que renegamos somos os adultos.
– FV: Nunha época na que prima o infoentretemento, ¿hai espazo para a cultura?
– AFM: Teñen outro xeito de ver a cultura. É lóxico. Nós tamén o tiñamos e cada xeración o tiña. Encántame ver os mozos participando, a pesar de ser un xeito diferente ao que facíamos nós. (…)”