Fallo do V Certame de Poesía Torre de Caldaloba

Desde CulturaliaGZ:
“O pasado venres, 11 de novembro, celebrouse a xuntanza do xurado do V Certame de Poesía Torre de Caldaloba, que convocan o Concello de Cospeito e a Asociación Recreativo Cultural de San Martiño de Pino, en colaboración con Culturalia GZ e a Xunta de Galicia, e acordou conceder por maioría de votos o seguinte fallo:
1º Premio: Cartografía dos tránsitos, de Maurizio Polsinelli.
2º Premio: Caeiro, de María Mercedes Rodríguez Bolaño.
Da obra gañadora, Cartografía dos tránsitos, o xurado salientou que se trata dun traballo artesanal da palabra poética, dentro dunha proposta desenvolvida con técnica e elegancia. Ademais de destacar a súa riqueza en recursos expresivos e referencias cultas e evocadoras, acaídas con moi acertada habilidade. Estruturalmente equilibrado e cunha excelente musicalidade.
De Caeiro citou a súa plasticidade e emprego de imaxes poderosas. En ocasións presenta un ritmo sincopado, e unha contención que evita a saturación ornamental, cunha forza metafórica suxestiva.
O xurado estivo integrado por Adolfina Mesa, artista multidisciplinar; Andrea Fernández Maneiro, escritora e gañadora da pasada edición do certame; Armando Requeixo, escritor, profesor e crítico literario; Beatriz Dourado, escritora e profesora, e Xosé Otero Canto, escritor e profesor.
A entrega de premios terá lugar o vindeiro sábado, 19 de novembro, ás 18:00 h. no local social de Pino, onde previamente, ás 17:00 h., se realizará a inauguración da Biblioteca Rural de San Martiño de Pino.”

Diana Kurich recibiu o XVII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas nunha emotiva Cea das Letras

Desde Que pasa na Costa:
“Como cada ano Malpica convértese na capital galega da poesía erótica. Un evento culural promovido pola Asociación Caldeirón en colaboración co Concello de Malpica. Máis dunha trintena de persoas asistiron á entrega dos premios do XVII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas que se celebrou na Casa do Pescador de Malpica. Andrea Fernández Maneiro, foi a encargada de ler o fallo do xurado.
A obra gañadora foi Feitas ao sisel, de Diana Kurich, elixida polo xurado por unanimidade “pola súa estrutura orixinal desde a inspiración na cantiga popular que se ve substituída coa irrupción dun rexistro culto que provoca unha rica ruptura do poema” entre outros. O xurado tamén concedeu un accésit á obra Corpo nómade, de Teresa Ríos Noya, polo seu discurso feminista na expresión e na procura da propia sexualidade.
No acto, no que estivo presente o Alcalde de Malpica, Eduardo Parga, tamén se presentou o libro Persistencia da música en novembro, do pontecesán Miguel Anxo Mato Fondo, con prólogo de Juan Durán, compositor e Premio Raíña Sofia de Composición 2018, e membro da Real Academia Galega de Belas Artes.”

Monforte: actividades do 27 de agosto na Feira do Libro 2022

Foz: actividades dos 20 e 21 de agosto na Feira do Libro 2022

Rianxo: actividades dos 23, 24 e 25 de xullo na Feira do Libro 2022

Andrea Fernández Maneiro: “A poesía erótica explícita fainos perder capacidade sensitiva”

Entrevista a Andrea Fernández Maneiro no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“A primeira vez que visitou o Zigzag Andrea Fernández Maneiro, falounos de Migratoria, o seu primeiro poemario. Desde aquela gañou o Premio Leiras Pulpeiro por Contra-tempos, que pronto sairá publicado, hai unhas semanas o Premio de Poesía Eduardo Pondal por Voto de silencio e, ademais, tamén o gañou a última edición do premio de poesía erótica Illas Sisargas con Edénicas. A entrevista pode verse aquí.”