A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega congratúlase pola aprobación por unanimidade dos tres grupos con representación no Parlamento Galego da lei que permite sacar do limbo xurídico o Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, que será xestionado por unha fundación na que terá un papel central o propio Parlamento, e que se identificará como símbolo de Galiza.
Este é o inicio do camiño para que chegue a bo fin a nosa reivindicación de que o Panteón sexa, ademais de accesíbel publicamente e destinado a usos laicos, un espazo civil de titularidade pública, o que vimos defendendo xa desde 2010, cando a AELG celebrou un acto cívico e reivindicativo en lembranza do traslado dos restos mortais de Rosalía de Castro, ao tempo que promoveu que se garantise o acceso público ao Panteón.
Non sería entendíbel que estea en mans privadas un dos símbolos da nación recentemente recoñecidos, polo que resolver esta situación de anomalía histórica é unha necesidade que non pode ser demorada.