Morreu unha Mestra da Memoria, morreu Dorothé Schubarth

A AELG lamenta fondamente a perda dunha das súas Mestras da Memoria, Dorothé Schubarth.

Musicóloga. Natural de Basilea (Suíza), onde comezou os seus estudos que ampliou en Colonia e Múnich. Foi directora de coro e musicóloga. A partir de 1971 ocupou a cátedra de harmonía e contrapunto na Academia de Música de Lucerna (Suíza) e comezou a desenvolver investigacións arredor das músicas populares europeas. Realizou traballos de campo nos Balcáns, no Cáucaso, Alemaña e Francia, cuxo resultado publica no libro Das Volkslied in Europa. Vielfalt seiner Erscheinungsformen (O Canto Popular en Europa. Diversidade das súas formas) (Lucerna, 1978).

En 1978 visitou Galicia para coñecer a nosa música popular, mais o interese polo que aquí descobre fai que se dispoña a realizar un traballo de campo intensivo por todo o país que remata coa publicación da magna obra en 7 volumes que contén a mellor e máis ampla análise, clasificación e estudo da nosa lírica popular, publicada baixo o título Cancioneiro Popular Galego pola Fundación Barrié en 1984.

O Arquivo Sonoro de Galicia conserva 248 CD con copias dixitalizadas das súas gravacións orixinais e coas correspondentes transcricións a cargo do profesor e filólogo Antón Santamarina.

Entre os recoñecementos que se lle fixeron en Galicia están o I Día das Galegas nas Letras en 2014 e o Premio Honorífico 2017 da Asociación de Músicos ao Vivo.

Foi galardoada pola AELG como Mestra da Memoria no ano 2019.

No acto, conducido por Antonio Reigosa, participaron Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG e Antón Santamarina, quen fixo a laudatio de Dorothé Schubarth.

Deixounos o 7 de setembro de 2023.

Segundo palabras de Antonio Reigosa, “Dorothé Schubarth, muller humilde e sabia, merece ser recoñecida de aquí en adiante polas institucións culturais galegas como Mestra da Memoria como fixo a sección de literatura oral da AELG en 2019, pois o seu traballo resulta fundamental para a difusión universal da nosa música popular e do noso cancioneiro tradicional.”

Aquí pode consultarse o fondo videográfico coas participacións de Dorothé Schubarth no Proxecto Polafías, gravados pola Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG en 2019; e aquí os correspondentes á Gala do Premios Mestras e Mestres da Memoria 2019.