Entrevista a Alberto González-Garcés en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): A idea de escribir poesía está motivada pola figura do seu pai?
– Alberto González-Garcés (AGG): Claro, é evidente. Veño dunha familia de poetas cunha referencia clara, meu pai. Vivindo e falando con el e tendo esa experiencia vital, é obvio que queda aí un pozo que máis tarde que cedo, porque xa teño os meus anos, aflorou. Falando coa xente, moitos me din que non lles gusta a poesía, que é difícil de ler, pero eu dígolle a todo o mundo que é ao revés. Vivimos mergullados na poesía, está no cotián. Falta expresalo dun xeito adecuado.
– LVG: Como xurdiu a obra?
– AGG: Aproveitando a miña xubilación e na pandemia descubrín algo novo que era o tempo libre. De repente podía sentarme fronte a miña xanela a pensar e escribir, e comecei a escribir poesía. Non tiña intención de escribir un libro, non comecei con esa idea, senón polo impulso e ganas. Logo, vin que tiña xa 15, 20 ou 30 capítulos, e dixen, con pouco máis xa é un libro e así foi.
– LVG: É unha autobiografía?
– AGG: Non necesariamente, pero si falo das miñas experiencias e da miña visión do mundo. Conto cousas que non as vivín directamente, pero que as imaxino dentro do meu mundo e modo de ver.
– LVG: Que lle motivou a escribir?
– AGG: Ter tempo para reflexionar sobra a vida, a familia, as vivencias, sobre o pasado e o futuro.
– LVG: Está dividido en tres partes.
– AGG: Si, foron xurdindo así. Entón, logo xuntei os poemas dos mesmos temas en tres apartados.
– LVG: O mar está moi presente, que significa para vostede?
– AGG: Ten dous significados. Nacín vendo o mar, en Linares Rivas. A min non me trouxo unha cegoña, senón un barco. Paseo continuamente polas ribeiras mariñas, pero por outro lado, como biólogo e investigador, embarquei en pesqueiros e sempre sentín un enorme respecto polo mar. Recoñezo a súa enorme beleza, pero tamén a súa forza brutal. En Galicia sabemos ben iso. (…)”