Entrevista de Laura Veiga a Branca Trigo en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Agora que Malafera conta con máis dun ano de vida, como ve a poesía desde a perspectiva editorial?
– Branca Trigo (BT): No noso caso creo que é un pouco diferente porque ao final a edición poética non é unha grande industria. É un lugar bastante amábel para desenvolverse, porque non é como se intentas editar narrativa e chegar á altura de Xerais. Neste tempo fomos facendo un círculo de xente á que lle gusta o que facemos, tanto á hora de publicar como á hora de mercar libros, e tamén desenvolvemos unha relación bastante boa con outras editoriais independentes. Alén dos libros, nós quixemos introducirnos no mundo do fanzine, polo que tamén desfrutamos de ter boas relacións con outras iniciativas de banda deseñada ou ilustración.
– ND: Cal cre que son as dificultades que debe enfrontar a poesía galega actual?
– BT: Sempre están os prexuízos, como con calquera xénero supoño. Mais é común escoitar que a poesía é unha arte elevada, algo que forma parte da academia, e no caso do noso país en concreto, que as poetas galegas sempre escriben sobre o rural e cousas así. Intentamos loitas contra este tipo de pensamento e por iso tamén intentamos abrir a poesía que editamos cara a outros xéneros ou formatos. Nesta liña, por exemplo, fixemos poesía de terror e de ciencia ficción.
Creo que é unha boa maneira de loitar contra os prexuízos. Non obstante, tamén creo que a poesía agora mesmo pode ter moito tirón. Estamos acostumadas ás redes sociais, á brevidade da mensaxe, e isto é algo que a poesía xa ten gañado fronte a outros xéneros, polo que pode ser unha forma de chegar a máis públicos. Por exemplo, a poesía aseméllase máis á forma de expresarnos que temos nas redes sociais que unha novela. (…)”