Entrevista a Luís Lamela en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Enfocar, poñer rostro, crear unha imaxe máis humana, e quizais máis equilibrada, da loita antifranquista: ese é o propósito desta obra. Que o levou a iniciar este proxecto?
– Luís Lamela (LL): Pois un dos primeiros libros que publiquei foi sobre a figura dos Foucellas, que a pesar de ser personaxes míticas, realmente non se sabía moito delas. Isto levoume, anos despois, a falar sobre os escapados, que foron os precursores dos guerrilleiros. Nese camiño, quixen saber máis deses homes, mortos na súa maior parte a mans dos seus perseguidores, e levei a cabo unha investigación que me levou moitos anos, pois a documentación non era accesible. Fun creando biografías dunha xente, completamente descoñecida, que formou o exército que durante anos despois da guerra loitou contra as forzas franquistas.
– LVG: Contar esas vidas, en biografías que van dende o 1936 ao 1965, é para vostede unha forma de facerlles xustiza?
– LL: Pois si, porque durante a súa loita a propaganda franquista calificábaos de bandoleiros, ladróns e delincuentes, cando sabían perfectamente que non eran máis que soldados da República. Irregular, si, pero un exército ao fin e ao cabo que loitaba para recuperar a democracia en España e reclamar a atención das nacións aliadas para que botasen abaixo a ditadura. Cantidade de xente morreu nesa loita.
– LVG: En que papel deixou a historia —digamos, hexemónica, coñecida— o papel desta loita guerrilleira e os seus integrantes? Que discurso imperou?
– LL: Desapareceron. Realmente a ditadura nunca recoñeceu esa loita. Cando había algún tipo de acción súa contra os franquistas esas noticias nunca saían nos medios, só se coñecían no seu radio de actuación. Para o sistema, eran delincuentes, e unha vez desapareceron, foi con todas as consecuencias.
– LVG: Fala no texto de que os guerrilleiros foron, «eternos perdedores». Eles creron posible un cambio, pero nunca chegou.
– LL: Nun primeiro momento escaparon ao monte para non ir á guerra, e por medo a que a represión se cebase con eles. Pensaban que serían dúas semanas ou un mes, pero tiveron que permanecer alí durante anos. Ao ver que non podían reintegrarse na sociedade foi cando se radicalizaron e organizaron para loitar contra os seus perseguidores. (…)”