Alejandro Mínguez, micólogo: “Na Galiza hai máis de 3.000 especies de cogomelos”

Entrevista de Eva Cid Rivas a Alejandro Mínguez en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Asevera que o mundo dos cogomelos é un reino de virtudes descoñecidas. Cales son?
– Alejandro Mínguez (AM): Os cogomelos teñen poderes curativos. Moitos deles poden axudar en tratamentos anticanceríxenos ou para atrasar o alzheimer. Aínda que de forma xenérica podemos dicir que os cogomelos medicinais o que fan é fortalecer o sistema inmunolóxico. Fan que sexamos máis fortes. Se incluímos os cogomelos na nosa dieta habitual, seremos máis resistentes aos catarros, gripes e pequenas doenzas. Ademais, tamén temos cogomelos que son fantásticos para ir ao baño, que estimulan o colon e o tránsito intestinal.
– ND: Na Galiza os cogomelos eran rexeitados, debido en gran parte á influencia da Igrexa, e non eran case usados na gastronomía. En Portugal pasou o mesmo?
– AM: En Portugal están nunha situación incluso un chisquiño peor ca nós. Alí a relixión sempre estivo tamén moi presente e polo tanto os cogomelos tampouco estaban na súa sociedade nin na súa cociña como pasaba na Galiza. De feito, levan un pouco máis de atraso ca nós na divulgación e, en consecuencia, hai unha ausencia importante de material bibliográfico. Na Galiza xa levamos 40 anos con moitos títulos publicados, é dicir, xa temos unha produción importante.
Por outro lado, Portugal carece de normativa micolóxica e na Galiza si que a temos. Eles poden consumir cogomelos que para nós están prohibidos, xa que na Galiza hai un decreto específico para a recollida de cogomelos e hai que cumprilo. (…)”