“Fornelos de Montes, 26 de xaneiro de 2024
Na tarde do día arriba amentado tivo lugar no IES Rosalía de Castro de Compostela a xuntanza do xurado que decidiu o XII Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía, constituído por Luís Cochón, en calidade de presidente e mais as vogais Afra Torrado e Noelia Gómez, Mercedes Queixas (que participou da deliberación vía telefónica) e Armando Requeixo, amais de por Carmen Carreiro, que actuou como secretaria con voz e sen voto.
Logo da pertinente deliberación, o xurado decidiu outorgar por unanimidade o premio ao poemario presentado baixo o título Habitar as fendas, texto que se impuxo aos outros corenta e catro traballos presentados e que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Gisela Mato Rivera.
O xurado resaltou o bo nivel dos orixinais recibidos, así como a súa diversidade tanto estilística coma temática. O certame, que chega agora á súa décima segunda convocatoria, consolida así a súa andaina coa colaboración tanto do Concello de Fornelos de Montes, lugar natal do escritor que dá nome ao premio, coma de Edicións Xerais de Galicia, responsable da publicación do volume gañador.
O xurado salientou en Habitar as fendas a capacidade para interpelar a quen le abismándoo no océano da violencia, tanto física como xenérica, que remove e incomoda, pero que se supera pola forza resiliente do amor. Nestes versos a vida habita nas fendas e sobrevive a toda mancadura. A luz esperanzada ábrese paso nos intersticios, brilla por riba da ira, das feridas e lañas que os desencontros afectivos sementan.
De por parte, nesta poética o elemento paraescénico e teatral contribúe á orquestración do conxunto, no que o diálogo se tece dende o individual ao colectivo, dando voz ás desposuídas, ás que ficaron nas marxes e, “monstras tristes”, loitan por seguir o seu camiñar, rexurdir das cinzas e superar todas os abandonos e orfandades.
Escrito cun admirable teselado de poemas en prosa, Habitar as fendas deita unha musicalidade que arboriza e sostén cada verso enlevándoo e conseguindo que todo poemario funcione como un mecano harmónico onde resoan as voces de moitos dos grandes da tradición lírica da nosa contorna, dende Éluard a Trakl pasando por Celan e outros moitos que, Habitando nas fendas, recrearon capitais da dor.
A organización do Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía.”