Entrevista a Fran Fernández Davila na revista A Movida:
“(…) – A Movida (AM): Recoñeces que a escrita é para ti unha terapia anti estrés, así comezaches a crear. Cando e como te decataches de que escribir facíache ben?
– Fran Fernández Davila (FFD): Foi instantáneo, nada máis me apuntei ao primeiro obradoiro presencial a miña disposición mental cambiou. A escrita comezou a ocupar unha porción moi grande do meu pensamento. Non só durante as sesións, que agardaba con avaricia, senón tamén o resto dos días da semana. De socate, todos eses momentos de impás que aproveitan os problemas para enzoufar a mente desapareceron e a escrita, é dicir, as ideas, os relatos, os poemas substituíron as matinacións pola ilusión, o estrés pola creatividade. Moito mellor ca un Diazepam.
– AM: Nestes anos gañaches unha trintena de premios tanto en novela como en poesía. Como sentan estas novas e que supoñen na túa carreira literaria e vital?
– FFN: Esas novas guían e animan a seguir adiante. Por moito que o neguemos, todas as escritoras e escritores temos a autoestima delegada. Hai quen busca esa autoestima na súa merecida lexión de lectoras e lectores, que eu non teño. Hai quen a atopa nos amigos, que tampouco. Hai quen o basea na crítica, que non me fai caso. E hai quen, coma min, obriga a un pobre grupo de sufridores voluntarios, definidos como xurado, a ler todo que lle pasa polo teclado do ordenador. Que mérito teñen os xurados. Que traballo pasan. Sen os premios, todos os meus escritos estarían pechados nun escuro alxube do Google Drive.
Por certo, agora que o penso, creo que se podería crear un sistema de valoración de escritoras e escritores, tipo valoración por estrelas, baseada neses catro parámetros que menciono: lectores, amigos, crítica, premios. Unha estrela por cada un. Habería que pensar cal sería a quinta estrela. (…)”