Entrevista de Héctor Pena a Anxo Angueira en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Falando do presente, que representa, nun tempo como o actual, ser membro dunha institución como a Real Academia Galega?
– Anxo Angueira (AA): Para min é un orgullo, un gran recoñecemento. Pero por outra parte é unha responsabilidade, pois a Academia é un dos grandes fitos históricos desa Galiza emerxente, desa Galiza que vai contra a asimilación castelanista. Xa o dixen no meu discurso, o que quero é colaborar para defender a independencia da Academia, o prestixio da Academia e o horizonte para a que foi creada, que é a defensa insubornábel da nosa lingua e a nosa cultura.
– ND: Que agarda do futuro, do tempo que ten por diante na institución?
– AA: Non o sei, acabo de entrar nela (ri). Eu ofrezo o meu traballo, o meu esforzo, o meu tempo… todo o que poida para servir e para traballar. Eu son un obreiro, considérome un traballador máis desa gran obra que historicamente realizamos todos, eu son un soldado máis da Academia e onde faga falta alí estarei para defender o proxecto orixinal, que é un proxecto común e compartido a pesar de todas as diverxencias.”