A AELG lamenta fondamente a perda do seu Mestre da Memoria Aurelio Ramos Ogando

A AELG lamenta fondamente a perda do seu Mestre da Memoria Aurelio Ramos Ogando, veciño do lugar da Alén, na parroquia de Xirazga, no concello de Beariz (Ourense), magnífico contador.

Ben coñecido pola súa facilidade de palabra, o seu humor e a súa disposición, posúia distintos e notábeis talentos: tanto pode coller a gaita para animar unha festa como improvisar un discurso en verso ao xeito dos brindeiros.

Aurelio deu fe a través das súas narracións dos lugares onde os mouros deixaron as súas marcas e tesouros nos montes de Xirazga e arredores. Conservou a memoria intacta e contou de xeito sublime as historias e aventuras da xente da parroquia, dos que xa non están pero non se esquecen.

Foi galardoado pola AELG como Mestre da Memoria no ano 2021. Aquí pode lerse a laudatio de Aurelio Ramos Ogando, elaborada por Calros Solla.

Vexa aquí o fondo videográfico coas participacións de Aurelio na Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG.