Entrevista de Xacobe Ferreiro a Carlos Mella en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Saltando no tempo e aproveitando o 30 aniversario da publicación do seu libro A falacia do economicismo (Espiral Maior), até que punto as teses centrais dese traballo continúan na actualidade vixentes?
– Carlos Mella (CM): Creo que as ideas que formulaba naquel libro continúan sendo claves e vixentes. A min téñenme que dicir en que iso non é certo ou que a dinámica que explico alí non segue funcionando hoxe en día. Unha das cousas que sinalaba alí era como o capitalismo ía xerando desigualdades e como estas se ían incrementando e iso é o que está pasando hoxe. Ningún dato pon en dúbida que as desigualdades medran. Cando escoito cousas como que “a economía vai como un tiro”, como dixo o outro día o presidente do Goberno español, só digo que co produto interior bruto (PIB) ti podes facer o que queiras. Pero a realidade é que somos o Estado con máis parados de Europa, con máis desemprego xuvenil, o terceiro con máis desigualdade e cun problema moi grave de acceso á vivenda. Se iso é ir como un tiro…
Non hai cambio sobre o que eu escribía hai uns 30 anos e considero que camiñamos cara á catástrofe económica. Incluso a desigualdade medra cada día, como sinala o informe de Oxfam, que afirma que a riqueza de 1% da poboación mundial é superior á de 95% da poboación restante. E isto é terríbel porque parte da primacía do económico sobre calquera outra actividade humana.
– ND: Defendía no volume, en plena preamar da ofensiva neoliberal, a importancia do sector público na economía e moi concretamente de instrumentos de crédito desa natureza, que significa para Galiza carecer de banca pública aínda máis após a desfeita das caixas?
-CM: A min dáme a impresión de que ou se nacionaliza a banca ou se crea unha banca pública forte. As caixas de aforro, que a banca e algún outro se encargaron de fundilas, eran un instrumento moi bo a favor da Galiza coa que non había unha posibilidade dun monopolio total como hai agora porque había certa competencia. Iso si, había que vixialas ben, polo tanto o poder político ten que explicar por que quebraron as caixas, porque era a el a quen correspondía o labor de supervisión. Ademais, aquí na Galiza, aos equipos directivos das caixas os poderes públicos deixáronlles facer auténticas parvadas. (…)”