Xurxo Souto: “Na Coruña somos un dos lugares con maior número de galegofalantes”

Entrevista de Ubaldo Cerqueiro a Xurxo Souto no Xornal da Coruña:
“(…) – Xornal da Coruña (XC): Primeiramente, que che parece o informe do IGE que dá conta do envorco lingüístico que ten acontecido nos últimos 10 anos en Galicia e que sitúa ao castelán como a lingua máis usada en Galicia? Fuches notando ese cambio na última década?
– Xurxo Souto (XS): O informe non achega nada que non soubésemos ou que non puidésemos intuír: a constante campaña que existe dende grandes medios de comunicación e dende a propia administración para que o galego non acade a condición de lingua normal na vida pública.
É significativo que este dato fose un gran titular en medios que, dende sempre, se significaron pola falta de apoio á lingua galega.
Eu vivo en galego, é a miña lingua habitual os 365 días do ano. Constantemente estou participando en actividades creativas (moitas veces con xente nova) nas que o galego é protagonista.
Mais diante do entusiasmo desta parte da sociedade na que me movo, fun notando como as políticas contra a lingua galega que promove a administración da Xunta do Partido Popular foron acadando os seus logros. Primeiramente na radio e na televisión pública, que perderon a súa condición de referente da cultura galega (e en galego) emerxente. E, nomeadamente, no ensino, onde o galego mesmo foi excluído de determinadas materias, colocándoo nunha posición de lingua de segunda.
– XC: Cales son para ti as claves deste devir lingüístico na cidade?
– XS: Na cidade da Coruña, nas últimas décadas, non observo un avance, mais tampouco un declive, da lingua galega. Mesmo estes datos: un 11% da poboación que usa máis o galego que o castelán e o 4,52% que só utiliza o galego, teñen unha lectura positiva.
Sumados representan máis do 15% da poboación. A cidade ten 247.000 habitantes, iso quere dicir que, na Coruña, unhas 37.000 persoas utilizan decote o galego. Un número realmente importante, dende logo non residual. Ou, o que é o mesmo, somos unha das entidades de poboación con maior número de galego-falantes de toda Galiza.
Por que nunca se significa isto? Porque existe -como dixen antes- unha discreta pero constante campaña que tenta situar o galego nunha posición marxinal, dende os grandes medios de comunicación e dende a propia administración. (…)”