Desde a Asociación Galega de Editoras:
“A Asociación Galega de Editoras (AGE) vén de renovar a súa Xunta Directiva. O novo presidente, Miguel Toval, de Edicións Embora, releva no cargo a Henrique Alvarellos, director de Alvarellos Editora, no remate do seu mandato de catro anos.
O presidente saínte, Henrique Alvarellos, fixo balance deste período á fronte da Asociación, e nel destacou «a estabilidade económica da AGE, o incremento de editoras asociadas ata alcanzar case que o seu máximo histórico con 47 empresas agremiadas, a posta en marcha de accións formativas profesionais durante todo o ano, a colaboración continua cos outros colectivos da cadea do libro como a AELG e a Federación de Librarías, e a conmemoración, tamén neste período, dos cen anos de edición moderna en Galicia (1924-2024) e dos 40 anos da fundación da propia Asociación (1983)».
A renovación da directiva da AGE produciuse no marco dunha asemblea extraordinaria celebrada presencialmente e por videoconferencia, e convocada expresamente con esa finalidade. A lista encabezada por Miguel Toval foi a única candidatura presentada e resultou elixida por unanimidade. Previamente, o presidente saínte fixo balance da xestión da súa executiva nos catro últimos anos, polo que recibiu o recoñecemento dos asistentes.
Canda Miguel Toval, a actual dirección da AGE complétase con Francisco Alonso, de Xerais, como vicepresidente; Paz Castro, de Kalandraka, como secretaria; Ana Guerra, de Obradoiro, como tesoureira; e como vogais, Edurne Baines, de Belagua; Celia Recarey, de Irmás Cartoné, Henrique Alvarellos, de Alvarellos Editora e Marcos Calveiro, da Editorial Galaxia.
Trátase dunha directiva integradora que inclúe membros da anterior etapa e suma tamén dúas novas incorporacións. Destaca ademais pola variedade das editoras representadas, tanto na súa procedencia xeográfica –Pontevedra, Santiago de Compostela, Ferrol, A Coruña e Vigo– como na temática das súas respectivas producións: literarias e xeneralistas, libro educativo, grandes proxectos e literatura infantil e xuvenil.
O libro galego ten por diante varios retos: superar o índice de vendas actual, definir unha estratexia de internacionalización da produción editorial galega e concretar en medidas e plans específicos o recoñecemento do libro galego como sector estratéxico.
A Asociación Galega de Editoras ofrece á Administración a súa colaboración para a elaboración dun Plan Lector para o libro galego que contribúa non só á mellora dos índices de lectura senón tamén á superación dese paupérrimo 8% de venda de libros en lingua galega.
A Asociación Galega de Editoras continuará así mesmo na Xunta Directiva da Federación de Gremios de Editores de España (FGEE), á que pertence dende xuño do 2020.”