Entrevista de Jorge Lamas a Alberto González-Garcés en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Por que este libro [Somos o que imaxinamos]?
– Alberto González Garcés (AG): Coa pandemia e coa miña xubilación decateime do valor do tempo. A partir de aí, tiven tempo para pensar, reflexionar, divertirme e escribir. Comecei por un libro de poemas, Alta mar, mar aberta (Medulia Editorial, 2023). Despois, seguín dándolle voltas a unhas notas de cousas que non sei moi ben se me pasaron ou se as imaxinei, e decidín escribilas.
– LVG: De aí o título?
– AG: Si, partín desa reflexión que fala do pasado coma dun país estraño. Cando estás pensando nel, no sabes moi ben se o que lembras do pasado foi así ou doutra maneira porque lle metes uns chiscos de imaxinación. Sen o coñecemento do pasado non hai cultura, pero, como dicía Nélida Piñón, sen a imaxinación non hai grandeza. Despois, lendo a numerosos escritores, cheguei á reflexión de que o mundo é enorme e acontecen moitas cousas nel, pero todas as cousas que suceden, pásanme a min agora. Por outra banda, a xente que eu coñezo pasa a vida predicindo o futuro, imaxinando que vai ser o futuro. Somos e queremos ser o que imaxinamos. De aí o título. Son cousas que todo o mundo pensa. O que fixen neste libro é darlle forma, baseándome en experiencias que vou transformando coa miña imaxinación.
– LVG: Son relatos moi variados, pero teñen un elemento optimista en común. Concorda?
– AG: Si, teñen optimismo e esperanza, con elas da gusto vivir, aínda que tamén son realistas. Nestes relatos hai unha dose alta de realismo, pero, en ocasións, transformado pola imaxinación. (…)”