“O presidente da RAG salienta que o galego non é unha lingua local e defende a irmandade co portugués para gañar proxección exterior”

Desde a Real Academia Galega (foto da entidade):
“O galego é “unha marca de modernidade que nos sitúa no mundo e nos dá algo fundamental: identidade de noso”. Pero a esta utilidade interior súmaselle en plena globalización a “utilidade na dimensión exterior, na capacidade de relacionarse con outros espazos e culturas”, salientou o presidente da Real Academia Galega desde o Brasil, no relatorio que pronunciou na Universidade Federal Fluminense (Niterói). Víctor F. Freixanes defendeu así que o galego “non é un idioma local” e reivindicou, sen renunciar á lingua propia, a irmandade co portugués para potenciar a proxección exterior de Galicia e da súa cultura. O presidente participou con esta mensaxe na xornada inaugural do “I Seminário Internacional para Estudos Lingüísticos. Galego e Português: o passado presente”, dentro da axenda da viaxe institucional a Brasil que continuou cun encontro cos membros da Academia Brasileira de Letras.
O seminario, organizado polo Núcleo de Estudos Galegos da Universidade Federal Fluminense, xuntou expertos en lingua galega e portuguesa de institucións ás dúas beiras do Atlántico. Víctor F. Freixanes interveu no acto inaugural -ao que lle puxeron música Uxía e Sérgio Tannus- e pronunciou unha conferencia na que, tras unha breve presentación da RAG e a súas funcións, analizou a situación do galego ante o espazo da comunicación en lingua portuguesa, nun contexto marcado polos desafíos da globalización.
A cultura galega, cun mercado interior pequeno, non debe apoiar a súa estratexia no cuantitativo, senón na excelencia e na “creatividade e a capacidade de comunicación” para incrementar a súa proxección exterior. Neste reto conta co apoio da proximidade do galego ao portugués, que debe ser aproveitada, defendeu o presidente da Academia. “A lingua dános un sitio no mundo. Dende a lingua galega, con ben pouco esforzo, eses rapaces e rapazas do novo século, os novos creadores, póñense en comunicación con centos de millóns de persoas en diversos continentes da man da gran familia galego-portuguesa. Neste punto é onde temos a obriga de profundar para non perder as oportunidades, mesmo facendo pedagoxía social entre nós, porque non todos os galegos e galegas son conscientes desta riqueza”, valorou.
Cómpre tamén unha maior colaboración desde o ámbito educativo e unha “estratexia ambiciosa” por parte dos responsables da realidade política, cultural e institucional, engadiu Víctor F. Freixanes. “Temos que reivindicar o portugués nas escolas como lingua irmá. Non para substituír o galego, senón para apoiarnos nel cara á proxección exterior á que fago referencia”, detallou o responsable da RAG, que lamentou a escasa implantación do portugués nas escolas e institutos, malia a aprobación por unanimidade no Parlamento de Galicia, en 2014, da denominada Lei Paz Andrade.
Víctor F. Freixanes defendeu igualmente a necesidade de desenvolver “maiores e mellores comunicacións de todo tipo” cos territorios de fala portuguesa, desde Portugal ou Angola ata o Brasil. Este último foi o país que acolleu a finais do século XIX e comezos do XX a tantos galegos que construíron as súas vidas á outra beira do Atlántico “sen deixar de falar nunca galego”. Foi o caso, lembrou, dos pais da escritora galego-portuguesa Nélida Piñon ou do proxenitor do protagonista do Día das Letras Galegas 2019, todos eles naturais de Cotobade.
O pai de Antonio Fraguas traballou como canteiro precisamente en Niterói, sede do foro sobre o pasado, o presente e o futuro da relación entre o galego e o portugués no que tamén participaron os académicos e catedráticos da Universidade de Santiago de Compostela Henrique Monteagudo e Rosario Álvarez. O coordinador do Seminario de Sociolingüística da RAG impartiu onte unha conferencia sobre o proceso de individuación do galego e compartiu coa coordinadora da Sección de Lingua un seminario sobe dialectoloxía histórica do galego.
A axenda de actos dos membros da Academia arrincou cun coloquio sobre a lingua e a cultura galegas na Universidade Federal do Rio de Janeiro. Víctor F. Freixanes, Rosario Álvarez e Henrique Monteagudo foron presentados polo presidente da Academia Brasileira de Letras (ABL), Marco Lucchesi, quen os recibirá no tradicional “chá dos académicos” que esta institución celebra todos os xoves. A xuntanza tivo lugar cinco meses despois de que a RAG e a ABL asinasen na Coruña un acordo de amizade e colaboración para estreitaren a relación entre a área cultural e lingüística galega e a brasileira.”

Nexos convida a… Nélida Piñón

Nexos convida… Nélida Piñonvolve neste 2016 para conversar con figuras de recoñecido prestixio das letras, as artes e o pensamento. O martes 4 de outubro, a partir das 18:30 horas, na Cidade da Cultura de Compostela, terá lugar un diálogo íntimo e directo con Nélida Piñón, Premio Príncipe de Asturias 2005. Da man da profesora de Literatura Galega, Dolores Vilavedra, Nélida Piñón fará na Sala Eisenman un repaso pola súa traxectoria literaria e vital. A entrada é de balde previa inscrición aquí.

Ourense: actividades destacadas do 82 Congreso PEN Erguendo pontes literarias do mércores 28

Dentrocongreso-pen-ourense-2016 do programa do 82 Congreso do PEN Clube, Erguendo pontes literarias, terá lugar en Ourense a seguinte actividade destacada o mércores 28, dentro do seu programa: Programa-Congreso-PEN-2016.

20:00 h. Liceo de Ourense (Rúa Valentín Lamas Carvajal, 5). Mesa redonda Galicia, ponte literaria, con Nélida Piñón, Claudia Piñeiro e Xosé Luís Méndez Ferrín. Presenta: Luís González Tosar.

A coraxe de se dedicar á escrita

ReportaxeBienal Literaria PEN Clube 1 de Carme Vidal en Sermos Galiza:
“O propio encontro de Xosé Luís Méndez Ferrín, Manuel Rivas, Nélida Piñón e máis o presidente do Pen Club, Luís G. Tosar, fixo da clausura da Bienal Literaria que se desenvolveu na Cidade da Cultura unha cita inusual por xuntar algúns dos nomes máis representativos da nosa literatura. (…)
Mostraron que o oficio da escrita se asenta en trabes febles, nun grande entusiasmo mais tamén nunha dúbida que case nunca se converte en seguridade. A propia Nélida Piñón, cunha manchea de premios e recoñecementos definiu o feito creativo como unha emoción única. “Todos nós temos a ilusión de que ao menos algún conto, algún poema, perdure. Estamos celebrando a literatura, celebramos que os escritores son capaces de perdurar, de escribir sen garantías”, dixo da súa experiencia na creación dunha obra da que manifestou non ter nunca certeza da permanencia, da capacidade de provocar a emoción de quen a lea. (…)
E da mesma maneira que o noso Adrián Solovio andou arredor de si da man de Otero Pedraio, Rivas referiuse ao autor do Manifesto antropófago, Oswald de Andrade, que fuxiu de Brasil a París con vontade de ser cosmopolita para acabar descubrindo na capital francesa que o que deixara era o mellor país do mundo. “Somos anfibios e a nosa literatura tamén, é un xeito desa denominación do local/universal ao que lle acae un aforismo que Miguel Torga dixo nun debate, “mais que é o universal senón o local sen paredes?””, relatou o autor de Os libros arden mal. “Un libro ten que golpear”, sinalou o escritor máis coñecido da nosa literatura quen defendeu, á maneira tamén de Piñón no feito creativo a “valentía, a coraxe para se adentrar sempre na descuberta”. (…)
“Cando cheguei a vello dinme conta de que o meu peor inimigo era a saudade, que a miña vida era un pelexar continuo contra ese sentimento que pode desfacernos”, comezou Xosé Luís Méndez Ferrín, que manifestou saudade tamén “de palabras coas que medrei e estou vendo morrer, soidá, morriña… palabras que desaparecen, que se van extinguindo e que determinan este estado de ánimo”, dixo. Talvez por iso aceptou o convite de Luís G. Tosar de relatar o capítulo no que o Pen internacional o designou como escritor perseguido do ano 72 nesta ocasión na que se conmemoraba o 25 aniversario da constitución da sección galega.
“A policía estaba perseguíndome polas miñas actividades políticas mais o pretexto foi acusarme de escribir unha novela, que non se publicou nunca. Foron collela a miña case e, a pesar de estar inédita, o tribunal de orde pública acusoume con dous anos de prisión. Son o único escritor da península que estivo en prisión por escribir un texto literario que non se publicou”, relatou, dunha novela que continúa sen saír á luz e, pola súa vontade, non sairá impresa mentres viva. (…)
“Seguiremos mantendo a idea de liberdade e literatura que coincide coa idea que teñen os que a fixeron grande e seguirán tendo os que veñan, porque hai futuro”, dixo Tosar, ao tempo que anunciou a preparación da obra completa de Úrsula Heinze, unha das trabes da creación do Pen galego. (…)”