Xosé Carlos López Bernárdez ingresa na Academia de Belas Artes como figura imprescindíbel na investigación do movemento renovador da arte galega

Desde Nós Diario:
“O historiador da arte e colaborador do Sermos Galiza Carlos López Bernárdez (Vigo, 1958) ingresou o sábado 26 de abril na Real Academia Galega de Belas Artes (Ragba), nun acto celebrado no Marco –Museo de Arte Contemporánea de Vigo–, como académico de número da Sección de Expertos nas Artes da institución após a lectura do seu discurso “Un contexto para a arte galega de entreguerras”.
O presidente da Ragba, Manuel Quintana Martelo, deu a benvida a Carlos López Bernárdez como novo académico dunha institución que nos últimos dez anos renovou máis de 50 % dos membros do seu plenario, candidaturas comprometidas “cunha visión contemporánea na que o patrimonio cultural se analiza e defende segundo as claves do actual momento histórico”.
Destacou a claridade coa que López Bernárdez pon en relación arte e literatura, unha cuestión que con frecuencia está pendente nos estudos teóricos. Tamén sinalou que a curiosidade cultural do novo académico está patente nas súas crónicas semanais sobre diferentes exposicións, con análises dos artistas. Ademais, o presidente da Ragba aproveitou para sinalar que a Galiza posúe “boas e grandes coleccións de arte públicas e privadas”, e reclamou a creación dun gran Museo de Arte Galega que poida albergar no futuro estas coleccións.
Xosé Carlos López Bernárdez comezou a súa disertación agradecendo a súa incorporación á Ragba e manifestado a súa lembranza admirativa a súa antecesora na Sección de Expertos nas Artes, a historiadora da arte Ana Goy Diz, “analista rigorosa do pasado artístico, experta na nosa arquitectura renacentista e barroca e no noso patrimonio cultural”.
Emocionado nunha xornada tan especial para el, López Bernárdez lembrou os seus, seus pais xa finados, e toda a súa familia e amigos “parceiros nos camiños da vida e da arte”. Tamén destacou a súa ledicia por ter feito este acto na súa cidade e, concretamente no Marco, xa que se criara no barrio do Areal a escasos metros do museo.
Rememorando os inicios, López Bernárdez volveu a vista atrás, a finais dos anos 70, á época universitaria en Compostela onde cursou a licenciatura de Xeografía e Historia e foi elaborando unha “consciente asunción da lingua e cultura galegas” como algo central da súa propia existencia.
Xa daquela, o historiador fixo as súas primeiras reflexións sobre como entender o papel da arte no contexto nacional. Acabados os estudos, o seu traballo inicial de análise cultural dirixiuse á literatura galega, sendo profesor de lingua e literatura durante 32 anos no Ensino Medio; desde aí, e nos últimos 25 anos, comezou unha aproximación á análise da historia da arte galega, interesado polo problema do poder e do lugar co obxecto de colaborar na creación dunha escrita propia da modernidade e da arte galegas.
“As miñas achegas tentaron incidir na necesaria descentralización e ruptura dos esquemas centralistas para elaborar unha reescritura situada da nosa historia, afastándonos das lóxicas asumidas e asumindo a consciencia do lugar desde o que falamos. Este cuestionamento da cartografía dominante, levoume a participar desde a Galizaa nunha alternativa ligada á idea de lugar e de espazo”, explicou.
O historiador recalcou que é fundamental analizar o pasado desde o presente e o presente desde o pasado para realizar unha historia da arte entendida como intervención crítica, tal como demostran as novas prácticas dos estudos culturais da visualidade, co fin de construír unha relación dialéctica entre a tradición en que está inserido o valor orixinario da obra e o seu presente.
“A relación da plástica co campo literario e coa historia literaria e lingüística é dunha importancia primordial para entender contextos como o galego, fortemente marcado por un conflitivo proceso de construción nacional”, asegurou. Así, López Bernárdez fixo referencia ao proceso do Rexurdimento, un movemento de finais do século XIX que propugnaba a recuperación dos valores culturais e da identidade política galega, para a continuación centrar o seu discurso na produción do movemento renovador da arte galega dos anos 20, no período republicano, na Guerra Civil e no exilio, tendo como cadro xenérico a Europa de entreguerras. (…)”