Entrevista de Yago Gantes a Carlos Callón en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Que che levou a investigar sobre a realidade LGBT na Idade Media? Esperabas atopar o que descubriches?
– Carlos Callón (CC): Esta investigación foi unha descuberta que me tocou especialmente. Porque primeiro pensaba que só ía atopar críticas contra a homosexualidade, porque era o que tiña escoitado. Pero conforme fun lendo textos e máis textos, vin que o que se nos presentaba era un panorama máis diverso, con moitos ángulos ensombrecidos. Foi un gran combustible para seguir investigando.
– LVG: Afirmas no libro que nos primeiros anos da Idade Media a percepción da homosexualidade era distinta á actual. Como se explica esa diferenza?
– CC: Non podo dar unha resposta única. A Idade Media son mil anos de historia. E nese tempo houbo unha época onde a escolla do obxecto sexual non era decisiva até que no século XI aparece a palabra sodomía no concepto de pecado. E isto é moi interesante. Nos primeiros mil anos de historia do cristianismo nin existe o pecado do que hoxe podemos chamar homosexualidade. E chamoume moito a atención. Eu crieime nun colexio de monxas, nunha familia católica, e eu pensaba que era un pecado terrible. (…)”