Carmen V. Valiña: “O máis difícil na novela foi fusionar o pasado da illa de sangue coa biografía das protagonistas”

Entrevista de Sergio Casal a Carmen V. Valiña en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Que papel ten a illa de San Simón na memoria colectiva da Galiza e na obra [A illa que supuraba sangue]?
– Carmen V. Valiña (CVV): Un papel fundamental. Para as persoas que estamos interesadas no tema da memoria histórica e a represión durante a Guerra Civil é un lugar clave da nosa xeografía. O feito de que se recoñeza non só como lugar de cultura, senón tamén de memoria, é esencial para reflexionar sobre o noso pasado máis recente. Ese elemento tamén aparece na miña obra: non só a illa como espazo xeográfico, senón tamén de memoria e vinculado ás persoas reprimidas. No caso da novela, tamén como un elemento da memoria familiar, non só colectiva, senón dos fíos que nos unen co noso pasado.
– ND: É consciente a sociedade das feridas que aínda supuran en San Simón?
– CVV: Non, xustamente porque durante os últimos anos o que se fixo coa illa foi esencialmente unha vinculación co ámbito da cultura. Non se reflexiona tanto sobre a súa historia. Neste sentido, unha das finalidades da novela, aínda que sexa ficción, é que cando alguén a lea, bote unha ollada ao que aconteceu na illa. Todo o que contribúa a dar luz a esa parte do pasado que non se coñece o suficiente é esencial.
– ND: Que lle resultou máis complexo á hora de escribir esta historia nun lugar que garda tanta dor?
– CVV: O máis complicado foi fusionar o pasado dunha illa de sangue, ligada a un pasado convulso, coa biografía das protagonistas. Lograr esa integración non forzada entre a vida da protagonista principal e o que aconteceu na illa vinculado á súa familia foi un reto. (…)”