A AELG asina o Manifesto Galiza con voz propia na UNESCO

A AELG asina o Manifesto Galiza con voz propia na UNESCO, ao tempo que anima a facelo tamén á sociedade galega.

GALIZA CON VOZ PROPIA NA UNESCO
(MANIFESTO POLO RECOÑECEMENTO INTERNACIONAL DA NOSA CULTURA)

Galiza é unha nación que non pode seguir silenciada no concerto das nacións. É por iso que as entidades e persoas asinantes

MANIFESTAMOS

I. Un dereito fundamentado e lexítimo.
Galiza posúe unha lingua propia, unha historia milenaria e un patrimonio material e inmaterial que constitúen unha achega única á humanidade. Contamos con institucións de autogoberno e competencias en cultura e educación. Consonte á Constitución da UNESCO, Galiza reúne todas as condicións para ser Membro Asociado, unha figura deseñada precisamente para que os pobos e nacións con identidade propia teñan voz, aínda que non sexan Estados independentes e soberanos.

II. Denuncia da discriminación política
Denunciamos a arbitrariedade do Goberno do Estado español, que está a tramitar a entrada doutras nacións do Estado na UNESCO mentres ignora e exclúe a Galiza. Esta política de agravios comparativos sitúanos como unha periferia sen dereito a representación, mesmo vulnerando o recoñecemento constitucional da Galiza como nacionalidade histórica.

III. Crítica á renuncia da Xunta de Galiza
Censuramos a submisión e a falta de visión estratéxica do Goberno da Xunta de Galiza. A súa decisión de non solicitar este ingreso é un acto de abandono das súas obrigas na defensa da nosa lingua e da nosa cultura. Renunciar á UNESCO é renunciar igualmente a que Galiza actúe como ponte natural co mundo da lusofonía e a que o noso patrimonio sexa recoñecido e protexido con todas as garantías internacionais.

ESIXIMOS

Á XUNTA DE GALIZA: Que abandone a súa pasividade, escoite o clamor das institucións culturais da nosa nación e inicie de inmediato os trámites para o ingreso da Galiza como Membro Asociado da UNESCO.

AO GOBERNO DO ESTADO ESPAÑOL: Que trate á Galiza co mesmo respecto que as outras nacións do Estado e facilite a nosa presenza directa na UNESCO.

E SOLICITAMOS

Á SOCIEDADE GALEGA: Que se una a esta demanda para que Galiza deixe de ser representada por terceiros e comece a falar coa súa propia voz no mundo.