Memoria, escoita e transformación cultural, eixos de César Morán en ‘O eco das ondas’

Desde Nós Diario:
“(…) Nun primeiro apartado, César Morán detense na música “en horizontal”, unha expresión na que fai unha reflexión aberta sobre que é a música, como a escoitamos e que lugar ocupa na nosa experiencia vital. Trátase dunha reflexión aberta sobre que é a música, como a escoitamos e que lugar ocupa na nosa experiencia vital, entendéndoa non como un obxecto illado nin como un produto exclusivo, senón como unha práctica cotiá que atravesa a vida das persoas.
A radio ocupa un lugar central nesta historia, non só como medio de comunicación, senón como espazo de aprendizaxe. “Eu escoito a radio todos os días, é fundamental”, afirma Morán, que recoñece nela unha das súas grandes influencias. Mais a súa relación coa música comezou antes: “De pequeno, a música entraba pola rúa, polas casas, pola familia. Cantaba todo o mundo”. Esa escoita colectiva, previa á industria e aos dispositivos, marcou profundamente a súa maneira de entender a música. “Foi unha forma de aprendizaxe básica”, explica, “porque a música non era algo separado da vida, senón parte dela”. No libro, esa lembranza convértese nunha reflexión máis ampla sobre como aprendemos a escoitar e sobre o valor da transmisión oral e comunitaria.
Outro dos eixos do libro é a análise das transformacións culturais a partir dos anos sesenta. Morán revisa a música desa época, as súas revolucións e as súas consecuencias, combinando análise histórica e experiencia persoal. “Foron anos de cambios moi fortes”, sinala, “non só musicais, senón sociais e culturais”. A súa vivencia na Coruña daqueles anos ocupa un lugar destacado, así como as influencias que chegaban de outros países. “Había unha sensación de apertura”, lembra, “de que a música podía ser unha ferramenta para cambiar cousas”. Esa mirada cara atrás non busca idealizar o pasado, senón entendelo. “Sempre volvemos ao pasado”, reflexiona, “porque só coñecéndoo podemos facer proxectos de futuro”. (…)”