Discurso de Cesáreo Sánchez, presidente da AELG, no acto central do Día de Rosalía de Castro 2026

Este foi o discurso de Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, no acto central do Día de Rosalía de Castro, que tivo lugar o domingo 22 de febreiro en Compostela. Pode descargarse aquí.

“Amigas e amigos, representantes das institucións políticas sociais, académicas e culturais, agradecemos a vosa presenza hoxe aquí.

Saudamos tamén á Fundación Panteón de Galegas e Galegos Ilustres e o seu Padroado, que o 23 de febreiro celebra neste lugar o seu acto oficial do Día de Rosalía. Desexámoslle unha fértil e proveitosa andaina no desenvolvemento das súas funcións, e ofrecemos a nosa colaboración para que este sexa un lugar á altura da nación que acolle os seus fillos e fillas máis prezados.

Agardamos que, a non tardar moito, este lugar e as arquitecturas que o acompañan conten cun Plan Director de Rehabilitación e Posta en Valor deste importantísimo patrimonio cultural. Isto fará que teña o status necesario para seren honrados, coa dignidade que lles corresponde, aqueles e aquelas que tiveron Galiza e o pobo galego como razón de ser e viver, nomeadamente Rosalía de Castro, que hoxe aquí nos reúne e convoca.

Este lugar vai día a día mostrando a súa vontade laica no seu uso público. Pensamos que hai arquitecturas que constitúen os símbolos nacionais dun pobo, dunha cultura, e deben ser os galegos e as galegas quen exerzan neles a súa soberanía a través das organizacións e institucións que lles son propias, e do que faremos que sexa un lugar de vida.

Falei aquí neste mesmo lugar o ano pasado sobre a aculturación que estamos a sofrer e que vén da destrución de patrimonio cultural ou natural social e económico. Celebramos que Altri foi derrotada, mais seguimos a denunciar a abusiva presenza de eólicos en zonas arqueoloxicamente ricas e moi vulnerábeis, a minaría que envelena o chao por séculos, a limpeza dos montes ardidos onde a maquinaria pesada destrúe patrimonio arqueolóxico, ou a non moi coñecida aínda macroplanta de biogás que nas terras do Limia se quere implantar, contaminando capas freáticas para os séculos futuros e o subsolo de vilas con patrimonio histórico como Xunqueira de Ambía, a Limia toda, incluída a súa lagoa, que nestes días recuperou toda a súa superficie alagada.

Estas actividades, que levan consigo o sinal da destrución do noso patrimonio, fanse na terra que o noso povo transformou nunha das mais humanizadas da Europa, unha terra que acolle as cinzas os osos dos nosos mortos sobre os que aramos, dinos Olga Tokarczuk.

Que pensarían, os que neste panteón moran, desta etapa da nosa historia tan dolorosa e indignante sometida a depredación. Afortunadamente a Galiza sempre tivo as fillas e fillos que construíron o seu destino pensando nas xeracións futuras. A Galiza que nos tocou enfrontar, téndonos dado eles e elas as ferramentas para nos recoñecer como pobo que creou unha cultura e un idioma.

Rosalía achéganos aos problemas aínda actuais e por resolver, como é a problemática do noso idioma. Sen o noso idioma non somos, como escrebeu Castelao. A terra amada por Otero Pedraio, que amorosamente transitou e habitou o mapa de Fontán, que mora a uns centos de metros da Torre do Reloxo, onde a Torre da Berenguela foi o punto cero, vértice do primeiro triángulo que o propio Fontán mediu, na estrada de Santiago á Coruña, entre Formarís e A Sionlla, iniciando a triangulación durante 17 anos da súa vida que posibilitou o trazado de estradas e camiños de ferro. Non lles estou a falar deste século. Estou a falarlles de hai douscentos anos.

No último Consello Directivo da AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) incorporamos a declaración como membros de honra da AELG de todos os escritores que formaron parte da Asociación de Escritores Gallegos, fundada en Ourense, en xullo de 1930, así chamada porque non existía legalidade que lle permitise ter o nome en galego, e que foi presidida por Ramón Otero Pedraio (felicitamos á Real Academia Galega a decisión de declararlle este ano 2026 á súa inmensa obra. Felicitámonos tamén pola elección neste ano para lle dedicar o Día das Letras Galegas a Begoña Caamaño).

A AELG actual nace en 1980 da mesma vontade, asumindo os seus principios fundacionais, o seu ideario, que convoca á escrita en galego. Desde aquel tempo, continuamos a tecer os camiños que nos permitiron chegar até hoxe, reivindicándonos como fillos e fillas do seu maxisterio e do seu martirio.

Orgullámonos na lexitimidade que temos para representar os escritores e escritoras en lingua galega, poñendo en valor o noso sistema literario e participando en que a Galiza desenvolva os seus dereitos nacionais, e tamén berrando: Palestina libre!

Cesáreo Sánchez Iglesias
Presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega
Bonaval, 22 de febreiro de 2026