Entrevista de Angelo Nero a Ramón Nicolás en Nueva Revolución:
“(…) – Nueva Revolución (NR): Haberá moito que dicir sobre a vida e obra de Begoña este ano, non so sobre a súa narrativa, senón tamén da sua traxectoria periodística, feminista e política, máis sorpréndenos gratamente un libro como este, tanto polo formato, como pola procura de ese lado máis intimo da escritora. Cóntanos, Ramón, ¿como xorde A nena que perdeu un zapato na lama? E ¿como foi a labor de investigación para mergullarte na infancia de Begoña Caamaño?
– Ramón Nicolás (RN): O libro ten unha xénese un tanto diferente do que en min é habitual, isto é, non é resultado de nada que tivese programado con anterioridade, tampouco é un libro de encarga editorial. Na realidade vai nacendo, de modo parello, a un exercicio de divulgación sobre Begoña Caamaño que programei este pasado verán para o meu alumnado. Quería que soubesen que no barrio no que vivían, e no que estudaban, existiu unha nena curiosa, aleuta, lectora e rebuldeira que se formou e medrou nas rúas dun barrio obreiro como o do Calvario, que logo marchou a vivir a Coia e máis tarde a Santiago, que exerceu de xornalista e tamén foi escritora e que, por riba de todo, foi unha persoa comprometida coas causas da liberdade e do feminismo, tamén da lingua galega.
– NR: E a través da voz Morgana, unha das súas personaxes, que recorremos os lugares máis senlleiros dos primeiros anos de Begoña, aqueles que “foron determinantes na súa maneira de posicionarse, de ver o mundo e de entendelo”, ¿por que quixeches que fora Morgana quen nos conducira por este feixe de pequenas historias arredor da relación entre Begoña e o seu barrio?
– RN: Morgana chegou un tanto misteriosamente a este libro, e non sei realmente como, pero si sei que foi un recurso operativo tanto para que nos desvelase o que ela sabía sobre a súa infancia e parte da adolescencia, porque Morgana o sabe todo, como para homenaxeala desde o que foi a segunda novela de Begoña onde ela cobra unha nova vida, diferente e individualizada respecto doutras Morganas que coñecermos a través da literatura.
– NR: No libro está a saudade que moitos dos que alí nacemos -eu nacín en Cabral, e vivín tamén un tempo no Calvario- do concello de Lavadores, da “Rusia chiquita”, de que xeito marcou a Begoña Caamaño a historia de loita deste territorio, cunha forte implantación do agrarismo e onde se ergueron as barricadas antifascistas en 1936, e que foi anexionado por Vigo cinco anos máis tarde? Naqueles derradeiros anos da ditadura aínda había unha memoria da represión no Calvario?
– RN: Eu tamén nacín alí. A primeira memoria que teño do barrio é a dun lugar de aluvión, en onde se instalaron moitas persoas de diversas partes de Galicia e do resto do Estado, e onde o espírito proletario era cultivado en todos os seus recantos. Todo o mundo traballaba ou quería traballar: nos comercios, nas tendas, nas fábricas, nos asteleiros…, esa foi a realidade que eu coñecín e que non debeu ser moi distinta da que percibiu Begoña.
No meu caso -é de sospeitar que no de Begoña tamén- esperto á realidade da represión na guerra e na posguerra por cousas que se contan na casa pero xa nos anos setenta, morto Franco…, un taxista asasinado en Cabral, outro labrego morto en Candeán, un fuxido que era de Lavadores…, datos soltos, de aquí e acolá, que logo ampliei, claro é, con lecturas. O que non dubido é que a identidade do Calvario é singular e vén determinada por algunhas das cuestións que sinalo. (…)”