Ramón Nicolás: “A voz de Begoña Caamaño é consciente e insubornabelmente monolingüe”

Entrevista de Marga do Val a Ramón Nicolás en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): No libro hai unha homenaxe á memoria do Calvario.
– Ramón Nicolás (RN): Haina. O Calvario pertencía ao antigo concello de Lavadores, territorio moi activo, comprometido co agrarismo e co universo proletario. Begoña coñeceu as historias e acontecementos do tempo da República, da guerra –houbo tres barricadas no barrio contra a sublevación fascista– e da posterior represión. Alén de trazos singulizadores deste concello: o pulo asociacionista e unha indubidábel fasquía batalladora.
– ND: A nena Begoña vive a desaparición da lama, como inflúen estas vivencias na súa escolla lingüística?
– RN: A lama é, en efecto, unha metáfora. Onde antes había lama agora hai cemento. Begoña é aínda desa xeración de rapazada que puidemos xogar e enredar na rúa sen perigo e iso axuda a enfrontarse ao mundo con outra ollada.
No Calvario non era difícil atopar vivendas cos seus predios e leiras cultivadas, animais domésticos e árbores froiteiras… Era un mundo a cabalo entre a realidade tradicional e a moderna. Ela participaba das dúas e no barrio, aínda medrando con persoas que viñan de fóra, a lingua por excelencia sempre foi o galego, e aínda o segue a ser. Begoña nunca dubidou e o compromiso lingüístico foi algo que testemuñou día a día, no seu activismo e percorrido profesional como xornalista e como narradora. A voz de Caamaño é consciente e insubornabelmente monolingüe. (…)”

Ramón Nicolás: «Medrar na ”Rusia chiquita” marcou a Begoña Caamaño, ela sentiu o orgullo de pertencer a un mundo no que hai que sachar» 

Entrevista de Ana Abelenda a Ramón Nicolás en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Como naceu este libro «pouco ortodoxo», como se coida de advertir?
– Ramón Nicolás (RN): Quixen mesturar a figura de Begoña, a quen admirei como persoa e narradora, e eses paisaxes da infancia dela que foron compartidos por min. E isto é dalgún xeito memoria persoal. Hai memoria, seudobiografía, ficción, e en función dos espazos tamén algúns datos de historia. Pasamos todos os días por lugares de Vigo que aínda se poden pasear polos que viviu Begoña, cheos de historia e significado. A obra deriva de xeito espontáneo dun traballo de investigación cara á docencia co meu alumnado. Pensei «aquí hai un libro!».
– LVG: Ten este percorrido pola infancia da autora a forza de memoria social e, á vez, feitizo de conto.
– RN: O que conto de Begoña está documentado sobre todo en fontes orais, pero hai algo de literatura. Aludín a esa estrutura dos contos e dos relatos. Un dos personaxes que me facilitou a redacción foi Morgana, que me veu da man de Begoña. É Morgana quen coñecía a Begoña moito máis ca min… (ri).
– LVG: Con Caamaño revisitamos mitos. Por que escolleu entoar na escrita esta voz mestiza e coral, que é ao tempo a de Morgana, a de Begoña e a súa propia?
– RN: Está a voz de Begoña, estou eu e está a propia Morgana que o sabe todo, si. E que se traslada de espazo coa ollada de Begoña. É importante ese territorio no que ela se formou, o dos primeiros xogos, as descubertas, os seus comezos a cabalo entre o mundo rural e o mundo urbano. E esa presenza tan curiosa, nun barrio como era O Calvario, de dous cines! (…)”

Ramón Nicolás: ‘A nena que perdeu un zapato na lama quere ser unha cartografía emocional polos lugares que teñen unha influencia na vida de Begoña Caamaño’

Entrevista de Angelo Nero a Ramón Nicolás en Nueva Revolución:
“(…) – Nueva Revolución (NR): Haberá moito que dicir sobre a vida e obra de Begoña este ano, non so sobre a súa narrativa, senón tamén da sua traxectoria periodística, feminista e política, máis sorpréndenos gratamente un libro como este, tanto polo formato, como pola procura de ese lado máis intimo da escritora. Cóntanos, Ramón, ¿como xorde A nena que perdeu un zapato na lama? E ¿como foi a labor de investigación para mergullarte na infancia de Begoña Caamaño?
– Ramón Nicolás (RN): O libro ten unha xénese un tanto diferente do que en min é habitual, isto é, non é resultado de nada que tivese programado con anterioridade, tampouco é un libro de encarga editorial. Na realidade vai nacendo, de modo parello, a un exercicio de divulgación sobre Begoña Caamaño que programei este pasado verán para o meu alumnado. Quería que soubesen que no barrio no que vivían, e no que estudaban, existiu unha nena curiosa, aleuta, lectora e rebuldeira que se formou e medrou nas rúas dun barrio obreiro como o do Calvario, que logo marchou a vivir a Coia e máis tarde a Santiago, que exerceu de xornalista e tamén foi escritora e que, por riba de todo, foi unha persoa comprometida coas causas da liberdade e do feminismo, tamén da lingua galega.
– NR: E a través da voz Morgana, unha das súas personaxes, que recorremos os lugares máis senlleiros dos primeiros anos de Begoña, aqueles que “foron determinantes na súa maneira de posicionarse, de ver o mundo e de entendelo”, ¿por que quixeches que fora Morgana quen nos conducira por este feixe de pequenas historias arredor da relación entre Begoña e o seu barrio?
– RN: Morgana chegou un tanto misteriosamente a este libro, e non sei realmente como, pero si sei que foi un recurso operativo tanto para que nos desvelase o que ela sabía sobre a súa infancia e parte da adolescencia, porque Morgana o sabe todo, como para homenaxeala desde o que foi a segunda novela de Begoña onde ela cobra unha nova vida, diferente e individualizada respecto doutras Morganas que coñecermos a través da literatura.
– NR: No libro está a saudade que moitos dos que alí nacemos -eu nacín en Cabral, e vivín tamén un tempo no Calvario- do concello de Lavadores, da “Rusia chiquita”, de que xeito marcou a Begoña Caamaño a historia de loita deste territorio, cunha forte implantación do agrarismo e onde se ergueron as barricadas antifascistas en 1936, e que foi anexionado por Vigo cinco anos máis tarde? Naqueles derradeiros anos da ditadura aínda había unha memoria da represión no Calvario?
– RN: Eu tamén nacín alí. A primeira memoria que teño do barrio é a dun lugar de aluvión, en onde se instalaron moitas persoas de diversas partes de Galicia e do resto do Estado, e onde o espírito proletario era cultivado en todos os seus recantos. Todo o mundo traballaba ou quería traballar: nos comercios, nas tendas, nas fábricas, nos asteleiros…, esa foi a realidade que eu coñecín e que non debeu ser moi distinta da que percibiu Begoña.
No meu caso -é de sospeitar que no de Begoña tamén- esperto á realidade da represión na guerra e na posguerra por cousas que se contan na casa pero xa nos anos setenta, morto Franco…, un taxista asasinado en Cabral, outro labrego morto en Candeán, un fuxido que era de Lavadores…, datos soltos, de aquí e acolá, que logo ampliei, claro é, con lecturas. O que non dubido é que a identidade do Calvario é singular e vén determinada por algunhas das cuestións que sinalo. (…)”

Entrevista a Ramón Nicolás sobre A nena que perdeu un zapato na lama

Desde a Radio Galega:
“Entrevista de Kiko Novoa a Ramón Nicolás arredor do seu libro sobre Begoña Caamaño A nena que perdeu un zapato na lama. Pode escoitarse aquí.”

Compostela: presentación de libros ao redor de Begoña Caamaño