Máscaras e ambición: Fernández Mallo explora a xungla do mundo empresarial

Entrevista de Manuel Xestoso a Marcelino Fernández Mallo en Nós Diario:
“A delegación dunha multinacional vive un ambiente de máxima tensión e desconfianza. Tras un brusco cambio no organigrama da dirección comezan a darse movementos estraños que desembocan en secuestro e asasinatos. A última novela de Marcelino Fernández Mallo, Cen Ilíadas (Toxosoutos), sitúa no mundo da empresa un thriller que presenta o 25 de marzo na Libraría Couceiro de Compostela, acompañado de María Obelleiro e Lourenzo Fernández Prieto.
Fernández Mallo, un economista cunha longa traxectoria literaria, recoñece, en conversa con Nós Diario, que a súa carreira profesional en diferentes sectores empresariais influíu na creación dos perfís e vicios que retrata na novela. “Indubidabelmente. Todo exercicio de ficción parte sempre dunha base real. Neste caso, a identificación é clarísima por dúas vías fundamentais: o escenario, que é o da multinacional –coas súas estratexias e relacións complexas coa administración– e a riqueza de perfís humanos cos que tratei”.
Eses perfís humanos reflicten personalidades moi específicas que se definen pola súa posición na xerarquía da empresa, porque esta “ten tantos postos e funcionalidades que as distintas personalidades emerxen desde o máis fondo. Iso é moi enriquecedor para un escritor e trasládase aos personaxes, que están moi marcados polo que eu defino como un teatro de aparencias”.
Un teatro de aparencias que provoca unha dualidade entre o perfil profesional e persoal das personaxes. “Esa dualidade é visíbel desde o primeiro contacto que tes con esta xente. Teñen un modo de comportarse na casa ou cos amigos, pero poñen unha máscara no momento en que pisan a oficina. Alí teñen obxectivos moi específicos e o seu primeiro propósito, por riba de calquera outro, é sobrevivir”. (…)”