Feira do Libro da Coruña 2021: actividades destacadas do 4 de agosto

O 4 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

18:30 h. Paco Rivas asina Rosas envaiñadas, publicado por Medulia, e o resto da súa obra.
18:30 h. Estefanía Padullés asina exemplares de Leopoldo, o pequeno monstro, publicado por Hércules, e Un mundo para Maruxa, publicado por Belagua.
18:30 h. Concerto e sinatura de Extra!, de Paco Nogueiras, publicado por Kalandraka.
19:30 h. Presentación de Nación Mar, de Xosé Iglesias, publicado por Bululú. Acompañan ao autor Xosé Duncan e Pablo Zaera.
19:30 h. Xabier Paz asina A Barcelonesa, publicado por Xerais, e o resto da súa obra.
19:30 h. Xulio Pardo de Neyra asina O abecedario no país das alvarizas, publicado por Medulia, e A cor áspera do veludo, publicado por Toxosoutos.
19:30 h. Víctor Rivas asina Anacos da vida, publicado por Galaxia.
20:30 h. Xurxo Souto asina Pangalaica. Recortes poderosos, publicado por Galaxia, e O retorno dos homes mariños, publicado por Xerais.
20:30 h. Antonio Tizón asina Os incurábeis, publicado por Xerais, e o resto da súa obra.
20:30 h. Xosé Iglesias asina exemplares de Nación Mar.

Alefato, o alfabeto hebreo e uns poemas

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
Alefato é un canto á comunidade xudía en Galicia. Desde o século XI as terras galegas acolleron un pobo de vizosa historia. A raíz do xudaísmo nutriría as outras dúas relixións monoteístas, e desde aquel altar de Siquen consagrado por Abrahám até o Finis Terrae, as vinte e dúas consoantes hebreas que Xosé Lois García canta neste delicioso libro son escusa de reflexión filosófica, fundamentada na Cábala, e asemade devalo erudito arredor da historia galega ligada co pobo semita. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Bases do XX Certame de relato de aventuras Antón Avilés de Taramancos

1. Poderán concorrer ao Certame de Relato de Aventuras todas as persoas, maiores de idade, de calquera nacionalidade, cun único traballo en galego de temática libre que sexa inédito, encadrado no relato de aventuras.
2. A obra, cunha extensión entre 70.000 e 100.000 caracteres, presentarase por cuadriplicado en exemplares separados, mecanografados por unha soa cara, debidamente grampados, cosidos ou encadernados sen firma e cun lema e utilizando o sistema de plica.
3. O prazo de admisión dos orixinais rematará o día 15 de setembro de 2021.
4. Os traballos serán remitidos ao enderezo:
Concello de Noia. Rúa Rosalía de Castro, 2 – 15200, Noia (A Coruña)
5. Establécese un único premio de 3.000 euros, ademais dunha escultura conmemorativa do artista noiés Alfonso Costa, e a publicación da obra gañadora por parte do Excmo. Concello de Noia. O importe do premio estará suxeito á lexislación fiscal vixente. O premio está consignado na partida 334.48003, atopándose retido o crédito necesario.
A entrega do premio realizarase mediante transferencia bancaria ao gañador/a, que deberá achegar ao Concello de Noia a certificación emitida polo banco correspondente á súa conta. Unha vez presentada a certificación, o Concello disporá de cinco días hábiles para a realización efectiva do pagamento.
6. O xurado terá todas as facultades para a decisión do premio, que poderá quedar deserto, para interpretar as bases e a súa decisión será discrecional e baseada en criterios de valoración literarios e lingüísticos. Estará composto polo alcalde do Concello de Noia, ou persoa na que delegue, que actuará como presidente, un membro da revista de creación literaria e cultural Casa da Gramática do IES Virxe do Mar de Noia, un traballador/a municipal que actuará como secretario/a sen voto e tres vogais, nomeados/as entre persoas de recoñecido prestixio no eido das letras galegas. O xurado emitirá publicamente o seu veredicto na segunda quincena do mes de decembro de 2021.
7. Os traballos non premiados serán devoltos, previa solicitude, e os restantes serán destruídos transcorridos vinte días desde a data do veredicto do Certame. Non poderán participar neste certame os autores premiados en edicións anteriores.
8. Establécese que a Editorial Toxosoutos publicará a obra galardoada renunciando os autores/as aos dereitos da primeira edición, tanto en galego como noutros idiomas de posible publicación por parte da devandita editora.
9. O feito de concorrer ao Certame implica a aceptación destas bases.

O concelleiro de cultura
José Pérez Martínez”