Arantza Portabales, escritora: “O oficio de contar ten que sustentarse na honestidade”

Entrevista de Antón Escuredo a Arantza Portabales en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Leva once anos no mundo literario. Descubriu o segredo para captar en boa medida a atención de lectoras e lectores?
– Arantza Portabales (AP): Comecei cos microrrelatos e sigo pensando que o que se pode contar en cinco palabras non se conta en oito. Practico moito a economía da linguaxe cando escribo, cousa que non fago na vida real porque cando escribo permítome facer algo que non fago na vida: pensar antes de falar. Teño un estilo moi depurado.
Din que coido moito ao lector, que teño coidado coa xente. Realmente, gústame moito o que fago. Hai moita paixón e moita verdade no que escribo. Por suposto non hai verdade nos asasinatos mais cando unha historia ten verdade é cando realmente o que pasa ao redor dela nos chega.
Evidentemente non vivimos nun lugar onde a alguén lle cortaron a cabeza mais todos coñecemos sitios onde sabemos o que é que lle digan a unha “filla de solteira” ou que a outra “a deixou o mozo, a ver quen a vai querer agora”. Ao final son historias humanas. Penso que gusta moito retratar como somos e como fomos.
– ND: Como é o oficio de contar sabendo que tes diante xente que segue as súas historias?
– AP: O oficio de contar ten que estar sempre sustentado pola honestidade e por unha clara vocación de lecer. Claro, a literatura tamén proe. Fainos enfrontarnos a nós como somos, ao que non nos gusta de nos mesmos. Mais iso encadrase dentro dunha actividade que ten que ver con algo para un mesmo que é ler, algo que evidentemente se perde. Mesmo estamos perdendo a capacidade de concentración como consecuencia dos móbiles. Agora estamos afeitos á inmediatez.
Pola contra, hai unha gran satisfacción cando a lectura engancha. Sempre conto a anécdota que tiven nun club de lectura da Once, con invidentes, no que me dixeron algo marabilloso: lendo séntense iguais aos demais. A razón disto é que nun libro entras a cegas. Cadaquén chega aos personaxes dunha maneira. Iso non o dá ningún tipo de actividade de lecer, nin no audiovisual, evidentemente. É o único espazo que tes para interactuar coa obra.
Un pouco tamén sucede coa arte, coa pintura, coa exposición artística na que o artista, o escultor, o pintor fai unha obra mais a sensación é propia da persoa que a mira. Por iso penso que ese é o espazo co que teño unha clara vocación de que a xente o pase ben. Temos que recuperar o divertido que é ler. Moitísimos dos meus lectores repítenme iso constantemente. E non me avergoña que os meus libros sexan entretidos. (…)”