Entrevista de Raúl Salgueiro a Henrique Dacosta en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Mortes con argumento é a súa primeira incursión dentro do thriller policial. Cales foron os retos á hora de enfrontarse a este xénero?
– Henrique Dacosta (HD): En realidade xa fixera algunha aproximación ao thriller, pero é a primeira vez que me propoño facer narrativa policial como tal. Aínda así, non considero que sexa unha novela policial ao uso. Hai unha investigación que segue certos esquemas do xénero, pero tamén aparecen outros investigadores espontáneos alleos á policía, que non se coñecen entre si. Entre eles están un escritor frustrado e un rapaz interesado nos megálitos e na etnografía. Todos acaban desenvolvendo unha investigación paralela, o que dá lugar a varias tramas. Máis que cinguirme ao policial, busco un enfoque ecléctico, incorporando tamén elementos relacionados coa transformación da contorna.
– ND: Considera que esa saída da zona de confort é unha parte esencial do oficio?
– HD: Si, porque ademais a miña escrita nunca se decantou por un xénero específico. Tendo a facer unha especie de mestura de xéneros. Noutras obras xa traballei con estruturas múltiples, combinando personaxes históricos e actuais.
– ND: A historia está ambientada en Ferrolterra, espazos concretos como Pena Molexa ou Narón, que lle son familiares. Escribir sobre espazos próximos dá máis liberdade ou responsabilidade?
– HD: Ambas. Por unha parte, coñecer o territorio dá liberdade para construír a historia con máis detalle. Por outra, pode xerar incomodidades, porque a xente tende a identificar personaxes ou situacións coa realidade. Teño atopado en charlas ou presentacións xente que me vén dicir que tal personaxe era un parente seu, e cousas polo estilo. Moitas veces a xente pensa que son cousas que sucederon na realidade e resulta que non foi así, que son pura ficción. Ao final acabamos atopando cousas reais onde non as hai, e á inversa. A xente procura analoxías. (…)”