Ourense e Vigo: Xornadas Carlos Casares, os 7 e 9 de novembro

Constitución do padroado da Fundación Blanco Amor, na Deputación de Ourense

DesdeEduardo Blanco Amor Galaxia:
“O padroado da Fundación Eduardo Blanco Amor celebrou o luns 26 de xaneiro na Deputación de Ourense a súa reunión constitutiva, na que se aprobaron os estatutos da fundación, que recollen as atribucións e obrigas do padroado, o réxime económico da fundación, os aspectos legais e os fins e beneficiarios da mesma.
Os patróns da fundación son: a Deputación de Ourense, representada polo seu presidente, Manuel Baltar, quen exercerá a presidencia do padroado; Eduardo Camilo Bóveda Sebastián e María Concepción Bóveda Gómez, en representación da familia de Eduardo Blanco Amor; a Xunta de Galicia, representada polo titular da consellería con competencias en materia de Cultura, neste caso por Jesús Vázquez; o Concello de Ourense, representado hoxe pola concelleira Ana Garrido; a Real Academia Galega, representada polo seu presidente ou persoa en quen delegue, coa asistencia hoxe do seu presidente, Xesús Alonso Montero; a editorial Galaxia, representada polo seu presidente ou persoa en quen delegue, hoxe representada por Xosé Manuel Soutullo, e o Centro Pen Galicia, representado polo seu presidente, Luís González Tosar.
Os fins da Fundación Blanco Amor, segundo recollen os estatutos son: A conservación e difusión da obra e o legado do escritor Eduardo Blanco Amor; a promoción de actividades de estudo e investigación nos campos da literatura; o xornalismo, a lingua galega, as artes da imaxe, en especial a fotográfica, e os estudos históricos e políticos; a dinamización e promoción sociocultural da provincia de Ourense, e a potenciación e difusión da cultura e a realidade sociocultural de Ourense, en particular, e Galicia, en xeral; no exterior e a colaboración con entes público-privados de fins semellantes.
Entre as actividades que vai desenvolver a fundación figuran a catalogación, e o desenvolvemento e conservación do arquivo documental e biblioteca, e de toda a información relacionada coa figura de Blanco Amor; a divulgación da súa obra e das obras da súa colección privada e do seu arquivo documental e biblioteca; a formación de artistas e estudosos nos eidos anteriores e calquera outros relacionados cos mesmos; a realización de actividades de fomento nos ámbitos cultural e social no exterior, e a captación dos fondos económicos necesarios para levar a cabo as súas actividades.”

Santiago: Á beira de Beiras, homenaxe a Xosé Manuel Beiras, o 17 de decembro

Co gallo do 40º aniversario do libro O atraso económico de Galicia terá lugar unha homenaxe ao seu autor, Xosé Manuel Beiras Torrado, o vindeiro 17 de decembro en Santiago de Compostela, baixo o título Á beira de Beiras. A comisión organizadora, integrada por Xosé María Álvarez Cáccamo, Salomé Álvarez Blanco, Xusto Beramendi, Manuel Caamaño, Comba Campoy, Xosé Ramón Fandiño, Miguel Anxo Fernán-Vello, Víctor F. Freixanes, Margarita Ledo, Lidia Senra e Xosé Manuel Soutullo, infórmase de que a homenaxe contempla tamén a celebración do 75 aniversario do economista, profesor e político galego, engarzando así as dúas efemérides e “ofrecendo o merecido recoñecemento pola súa traxectoria de entrega a Galicia e loita pola reivindicación dos valores que ennobrecen ao ser humano”.
Nese día, 17 de decembro, ás 12:30 horas, no salón Ángel Brage do Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, farase a presentación dun libro dedicado á súa persoa editado por Galaxia con máis de trinta autores, xunto con outras actuacións no mesmo lugar que se están a programar. Este acto será público.
A continuación, ás 14:30 horas, terá lugar un xantar no seu honor no restaurante do mesmo auditorio, para o que será preciso inscribirse na conta do Banco Santander 0049 5404 22 2795102504 (Homenaxe a Beiras), mediante o pago de cincuenta euros. Máis información no correo: homenaxebeiras@gmail.com

Crónica posterior en Galaxia. Nesas ligazóns pódense ver unha fotogalería do acto e a súa intervención.