Alba Tomé, finalista do Illa Nova: “Nunca é suficiente violencia contra a opresión da figura da autoridade”

Entrevista de Chus Gómez Dorrego a Alba Tomé en Diario de Pontevedra:
“(…) – Diario de Pontevedra (DP): Finalista do Illa Nova coa súa primeira novela, que en mes e medio xa está na segunda edición. Agardaba este éxito?
– Alba Tomé (AT): Son bastante optimista. Presenteina ao Illa Nova porque confiaba na novela e en que o premio puidese supoñer unha oportunidade de publicación. É un recoñecemento moi importante e unha oportunidade moi grande publicar un selo tan lonxevo e importante no país. Síntome moi agradecida.
– DP: Súmase a esta fornada de escritoras novas que tamén tratan temas que igual ata agora non eran tan visibles na literatura, como o feminismo, a igualdade, a infancia…
– AT: Xa era hora, supoño. Ás veces pregúntanme, non con moito atino, cal é a fórmula máxica. Que está pasando na literatura galega que de súpeto hai moitísimas escritoras. Non hai ningunha fórmula máxica. Estamos escribindo bos libros. Punto.
– DP: E ademais publícanse.
– AT: Hai un claro interese. O motivo polo que os libros máis lidos neste momento sexan os de mulleres é porque son bos. Está pasando tamén no cine. Por fin estamos ocupando o espazo cultural que correspondía. As editoriais non son parvas e saben o que lles pode funcionar máis. Ao final isto é un mercado e as escritoras agora mesmo temos un peso importante. (…)”